La Voz de Galicia

Peor sen cartas

Cultura

Carlos G. Reigosa

02 May 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Despois de moitos anos de escribirse cartas entre eles, os escritores comezaron a deixar de facelo, case que sen decatarse. Foi coma un apagón progresivo, rápido, que se consumou coa chegada de Internet e os correos electrónicos. Algo do que nin sequera nos demos conta, fascinados pola velocidade dos novos sistemas dixitais. Como tampouco nos decatamos da perda das esixencias literarias na nova forma de comunicarnos. O importante era a inmediatez e así fomos deixando de ir a Correos.

Un día, o escritor peruano Alfredo Bryce Echenique, un dos grandes, chegou á conclusión de que xa non podía agochar a realidade que percibía arredor del e que formulou nas seguintes palabras: «No fondo, fomos mellores por carta». Así, sen máis. Porque as cartas, que ilustraban a relación dos escritores nos tempos pasados, foron deixando de existir para converterse en simples correos electrónicos, é dicir, en fragmentos de algo incompleto ou precipitado, anacos dunha comunicación rápida e simplificada. En definitiva, reflexións sen ningunha ambición literaria.

O grande escritor Henry Miller deixounos dito que «non fai falla escribir sobre China, chega con que escribas sobre o que levas dentro». Cousa ben certa. E Virginia Wolf confesou que a ela gustaríalle «escribir sobre todas as formas de morrer», un desafío algo macabro, pero orixinal, que non logrou satisfacer. E isto quizais foi así porque iso de escribir non dá para tanto. Como ben sentenciara Paco Umbral, o de escribir é só «a maneira máis profunda de ler a vida». Por isto quizais tiña razón o sempre ben humorado Bryce Echenique, co que compartín moitas horas de amizade cando el vivía en España. Porque é certo que «fomos mellores por carta». É dicir, cando escribíamos textos que, desde lonxe, creaban sempre unha enorme e feliz proximidade. Textos coidados e sublimes, con confidencias e revelacións, e sempre con agarimo. Pero eses tempos das cartas manuscritas quedaron atrás, e hoxe todo nos chega por Internet, esa arma imprescindible que destruíu a distancia e a sutileza literaria nas relación persoais. O último libro que lin de cartas manuscritas foi o breve Miquiño mío (cartas da Condesa de Pardo Bazán a Galdós). Un pracer.


Comentar