La Voz de Galicia

Maximino Cacheiro Varela, unha ponte poética

Cultura

a. s. redacción / la voz Escritor (A Coruña, 1943-Vigo, 2020)
MAximino Chacheiro, retratado no 2017 co gallo da publicación do seu libro «A camelia acesa»MAximino Chacheiro, retratado no 2017 co gallo da publicación do seu libro «A camelia acesa»

Falece o profesor e escritor que dialogou dende Galicia con diversas culturas, como a latinoamericana e a xaponesa

30 May 2020. Actualizado a las 17:41 h.

O profesor e escritor Maximino Cacheiro Varela foi unha ponte poética, por razóns biográficas e tamén literarias, tanto nas súas facetas de docente -foi catedrático de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Vigo- e mais de creador. Como antifranquista, viviu exiliado en Venezuela e en Francia e dende o seu labor fixo dialogar a cultura galega con ideas e formas doutras latitudes. Dedicou ensaios a Roland Barthes, a Lezama Lima e ao Pedro Páramo de Juan Rulfo, analizou a relación dos escritores galegos con Latinoamérica e tendeu outra ponte poética, desta vez coa arte da pintura.

Tanto como ensaísta como poeta, o amor foi un eixo que percorreu a súa traxectoria, como testemuña, por exemplo, a súa antoloxía Amor en feminino, que escolmaba diversas voces de autoras galegas e que foi editada en castelán o ano pasado en tradución de Ánxeles Penas. Tamén destacou na carreira lírica de Cacheiro a forma tradicional xaponesa do haiku. Como a el lle gustaba lembrar, posiblemente foi o poeta galego que máis cultivou esta breve exposición de dezasete sílabas. Velaí libros como A iluminación do mar ou Música irisada, este último con 200 poemas dedicados a Luz Pozo e Amancio Prada, nos que o autor se guiou polo «espírito sincrético» de Novoneyra. O haiku tamén foi a fórmula máis acaída para que Cacheiro escribise esoutro cento que formarían A camelia acesa, dedicada a esa flor que tanto arraigo ten en Galicia e Xapón. «É unha aposta radical estética», explicou o autor a este xornal.

A súa produción poética foi recollida no 2016 no volume Mar e lume. «Tratei de darlle á poesía en galego unha dimensión cosmopolita, que é unha forma de madurez do idioma e, ao mesmo tempo, facer da poesía unha marea poética viva», declarou entón.


Comentar