Xosé Luís Axeitos: «Polo aprecio que lle temos os galegos, meterse con Castelao é meterse cun muro»
Cultura
Pilar García Negro, Miguel Anxo Seixas Seoane e Axeitos, expertos na figura do intelectual rianxeiro, analizan as polémicas afirmacións do dirixente de Vox Javier Ortega Smith, que acusou ao escritor de xenófobo
02 Jul 2020. Actualizado a las 13:47 h.
«Fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón... E se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatemos e dos tempos en que nos cadrou vivir». Hai preto dun século que o dono destas palabras as pronunciou, pero na opinión de Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente da Fundación Castelao, conforman unha resposta perfecta ás polémicas declaracións que o secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, verteu nun mitin en Xinzo de Limia -«Ginzo», para a formación-, un acto no que cualificou ao autor de Sempre en Galiza de «racista» e «xenófobo».
Máis alá dos xestos de desagrado de varios presentes no acto electoral e das críticas que prenderon nas redes sociais, tres expertos na figura de Castelao analizan a magnitude e a intencionalidade destas afirmacións. Trátase do propio Seixas Seoane -quen está a piques de publicar o segundo volume dunha minuciosa biografía en tres entregas-, Pilar García Negro -escritora e sociolingüista- e Xosé Luís Axeitos -rianxeiro e membro da Real Academia Galega (RAG)-.
«Panchito é galego»
«O nome de Castelao na boca destes elementos é unha infamia», afirma Pilar García Negro, sinalando a relevancia do pensamento do ilustre autor no escenario dun século XX no que o fascismo e o nazismo están en plena «carreira de ascenso» e «inclusive coa ciencia europea máis acreditada falando da raza como categoría científica».
Castelao érguese na personalidade que proclama dun xeito rotundo a existencia dunha única raza, a especie humana»
Neste senso, a lucense subliña que «de todos os escritores europeos do seu tempo Castelao érguese na personalidade que proclama dun xeito rotundo a existencia dunha única raza, a especie humana, e a condena explícita de calquera acto ou tentación racistas. Panchito é galego».
Precisamente, e con esa última frase, García Negro alude á escena de Cousas na que Castelao relata a historia dun rapaz cubano criado en Galicia que logo decide emigrar á Habana, pero acaba regresando pola morriña.
A afirmación é un disparate ridículo que produce pena, un sorriso de mágoa»
«A afirmación é un disparate ridículo que produce pena, un sorriso de mágoa, pero pétreo coma o de Daniel», indica Xosé Luís Axeitos -con chiscadela ao románico galego- para precisar: «Afortunadamente, Castelao é un símbolo que nos explica a nós mesmos, polo que está fóra desas posibles maldades. Pola consideración que lle temos os galegos meterse con Castelao é meterse cun muro».
En Nova York
Axeitos destaca que «Castelao tivo unha especial sensibilidade para defender á xente sen voz, non só aos galegos», e proba disto son as viaxes realizadas aos Estados Unidos, Cuba, Francia ou a Arxentina. Non só nas relacións que mantiña e as persoas que coñecía, senón tamén na arte. «Non é casualidade que cando viaxa a Alemaña lle chame a atención o expresionismo, a vangarda máis comprometida socialmente».
Castelao racista? Precisamente foi o primeiro home que mete aos negros na literatura galega»
«Castelao racista? Precisamente foi o primeiro home que mete aos negros na literatura galega», di Seixas, que tamén pon o foco en Cousas e nesas experiencias internacionais, recordando que retratou a persoas de raza negra en Francia, Cuba ou Nova York, e nesta última cidade acudían aos seus mitins dende os barrios máis marxinais.
O vicepresidente da Fundación Castelao sorrí ao rescatar unha anécdota daquela época na Gran Mazá, cando o pai do galeguismo visitara a un compatriota que casara cunha muller negra e ao ver aos seus fillos mulatos exclamou: «Viva a raza celta!».
Seixas Seoane defende a necesidade -e maila oportunidade- de que se coñeza máis ao autor, pero non só a través de soportes tradicionais, senón do cine ou de estilos musicais como o rap. E sobre se cre que estas declaracións poden danar a imaxe do escritor é claro: «Hai dous símbolos indiscutibles en Galicia, unha chámase Rosalía e o outro Castelao».