«Reboiras, acción e corazón»: Na longa noite de Moncho
Cultura
Alberte Mera combina documental e recreación para ofrecer un valioso retrato arredor do político e sindicalista nacionalista
14 Aug 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Unha peza de memoria histórica ten os seus riscos, máis aínda se tece o cesto con vimbios ideolóxicos (aquí o nacionalismo galego), por abeirar a obxectividade e mesmo caer no panfleto. Non é o caso. Outro dos acertos de Alberte Mera na súa faceta como guionista foi achegarse ao militante da daquela clandestina UPG, Xosé Ramón Reboiras Noia, caneando a tentación haxiográfica. Foi Moncho a última vítima da ditadura franquista, que unha noite de agosto de 1975 morreu por disparos da policía en Ferrol. De ter sido un produto para adeptos, restaría valor ao seu carácter difusor e ás lembranzas de quen viviron (e padeceron) aquela época, represión incluída, de xeito que as referencias ao homenaxeado dan paso a un mosaico de opinións (antes de que a bioloxía impoña a súa lei) que alcanzan á Galicia política da resistencia, en particular desde o ámbito sindical, no que tamén participaban organizacións estatais, igualmente sometidas a forte represión.
O autor renuncia á variante máis aséptica, a informativa a pau seco, pois sobran fontes polas que saber de Reboiras e as circunstancias daquel período. Un agradecido ingrediente analítico e unha certa pluralidade nas testemuñas elixidas, revalorizan o documento diante dos profanos pese ao risco de polemizar cos propios. Medra o seu interese polo intento de recolocar as balizas que o paso do tempo remataría por remexer, se cadra para mal. Corenta e cinco anos despois, os carreiros da vida foron dispersando a moitos daqueles activistas, de aí o valor das súas verbas, recollidas cunha elegancia formal salientable. A escaseza de materiais de arquivo e a limitación económica (produce a Fundación Terra e Tempo, con axuda de Deputación coruñesa e aportes de ducias de particulares), soen condicionar a proxectos así, pero Mera salva o atranco. Mesmo no seu arriscado recurso á non-ficción, recreando con actores ao propio Reboiras e mais aos seus compañeiros Elvira Souto e Lois Ríos (os últimos que o viron con vida), remata por encaixar no acabado. Reboiras, acción e corazón confirma unha altura da que necesita o país audiovisual.
«REBOIRAS, ACCIÓN E CORAZÓN»
España., 2020.
Director: Alberte Mera.
Intérpretes: Daniel Celester, Lidia Veiga, Daniel Prieto, Carlota Mosquera, Sergio Alfonso, Aldán Dacosta.
Documental.
61 minutos.