Alba Cid: «Este "Atlas" bebe moito das fascinacións e os encontros azarosos»
Cultura
A escritora ourensá gaña co seu primeiro libro individual o Premio de Poesía Joven Miguel Hernández
16 Feb 2023. Actualizado a las 15:50 h.
«Unha nova cartografía en que se funde o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma». Con estas palabras describiu o xurado que este martes lle outorgou o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández o libro Atlas (Galaxia), de Alba Cid (Ourense, 1989). Convocado polo Ministerio de Cultura e dotado con 20.000 euros, o galardón distingue unha obra que está «escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía», segundo fallo.
-«Atlas» é o seu primeiro libro individual, pero leva tempo escribindo. Creo que os poemas que recolle datan de cinco anos para aquí...
-Non exactamente. Algúns dos poemas si teñen cinco anos, por exemplo, o que abre o libro, que é unha historia apócrifa dos tulipáns, e apareceu en Grial. Para min é un libro de sedimentación, que recolle poemas dunha última etapa. Nunca me apurou publicar este primeiro libro individual. Sempre quixen, digamos, chegar a ter unha proposta coa que me sentise cómoda. Para min, realmente Atlas é iso, algo que nace por sedimentación, a partir da miña propia escrita e, a partir dun determinado momento, atópolle unha arquitectura, de continentes, que me permiten representar o xogo dos poemas, ese moverse entre referencias, lugares ou obxectos e imaxes, que ás veces nos quedan moi próximas e ás veces todo o contrario.
-Tendemos a pensar nos atlas como unha representación obxectiva, pero sempre obedecen a unha ollada concreta do mundo.
-Supoño que o Atlas tamén é iso, unha viaxe por unha lectura do mundo, do que é lexible o que non, tamén dos símbolos ou das relacións e os afectos. Diría que esa cartografía máis ben xurdiu cando puxen os poemas uns atrás dos outros, é moi persoal e moi azarosa e moi pouco ríxida. Á vez, tamén conecta moi ben co que sempre crin que era o traballo poético, esa parte dun proceso de comprensión pero tamén que haxa moito de xogo, moito de descubrimento, tal e como se entende o xogo na infancia. O Atlas ben é unha cartografía persoal pero tamén ese outro xesto que describe á escrita, ese xesto de cargar cun peso enriba dos ombreiros, como fan os atlas.
-Os mapas antigos adoitaban incluír a lenda «territorios inexplorados». No seu ocorre iso?
-Supoño que si. De feito, abre o libro unha cita da poeta norteamericana Marianne Moore, algo así como «Oh, ser un dragón!». Ela dicía algo así como que había algo azaroso ou fortuíto que a atrapaba, e que aínda que non pensase en escribir poesía era algo que se lle cruzaba e ao final sentía que tiña algo que dicir, que tiña que tomar iso e convertelo noutra cousa. Penso que este Atlas bebe moito das fascinacións e dos encontros azarosos, moitas cousas que nos pasan por diante e que logo investigamos, sexa de maneira máis informal ou máis detida. Hai un poema sobre a pintura en tea de araña, que era algo que facían os monxes en Centroeuropa. Ou o descubrimento de que en Polinesia teñen unhas cartas de navegación que constrúen con pauciños, con illas, e que só chega a comprender quen creou o propio mapa. Todo ese tipo de fascinacións supoño que coinciden con outros aspectos da propia vida, outras teimas, e se converten algo máis.
-Lembra aos trazos das cancións dos aborixes australianos sobre os que escribiu Bruce Chatwin, que eran mapas persoais de cada persoa...
-Acabo de ver extractado parte do fallo do xurado e vexo que destaca que se presenta unha cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, o mapa e o enigma, pero tamén din que está cheo de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica e rebelde. Supoño que todo isto está aí. Claro que intentamos poñer unha certa orde, comprender o mundo, sexa a través de poemas, de conversas, hai múltiples formas. Supoño que esa arquitectura final non era máis que unha das mallas ou maneiras de distribuír unha ollada ao mundo.
-Ese enigma citouno Ramón Nicolás na súa crítica neste xornal: «Atlas é un libro enigmático e intenso».
-Certo é. Supoño que iso se dá a man dalgunha maneira coa fascinación, con iso que nos imanta e non sabemos por qué, ás veces porque transparenta unha realidade próxima, ás veces todo o contrario, pero os enigmas tamén nos permiten lernos, dunha maneira que outras cousas non nos permitirían.
-Un dos versos di: «O tempo é un palíndromo». Pódese viaxar cara atrás e cara adiante.
-Coido que na contracapa do libro dicías que o Atlas se despraza adiante e atrás e non só entre continentes, senón entre moitos aspectos. Coido que si, que outra das maneiras que sempre me interesaron de desprazar son as etimoloxías, facerlle caso ás raíces das palabras, ver que agochan. Iso entra por veces no Atlas, entra o xogo, entran tamén moitas homenaxes. Hai unha dedicatoria torrencial inicial con artistas que me influíron, como poden ser Paul Klee ou Seoane, algún fotógrafo ou os meus gatos [ri]. Incluso se podería extraer unha poética distinta atendendo a esas homenaxes.
«En Galicia hai propostas moi diferentes e moi sólidas»
Ademais de como autora, para Alba Cid a poesía é obxecto de análise, estudo e fascinación. Nos últimos dous anos -«agora estou en proceso de transición cara a Galicia»- xestionou o John Rutherford Centre for Galician Studies da Universidade de Oxford, «un lugar peculiar pero privilexiado e moi atento e aberto á aprendizaxe». A escritora espera que o premio que lle foi concedido onte sirva «para que se empece a entender ou empece a ecoar doutra maneira a poesía que se está a facer en Galicia, que é ben diversa» e cita o recentísimo galardón a Olga Novo -Premio Nacional de Poesía por Feliz idade- e o acadado o ano pasado por Pillar Pallarés con Tempo fósil na mesma categoría, así como o que recibiu no 2014 por Celebración Gonzalo Hermo, tamén premio Miguel Hernández. Malia esa coincidencia e unha proximidade en idade, Alba Cid cre que é difícil falar dunha xeración, polo menos nos termos nos que consignan os manuais de literatura. Hai circunstancias, como as crises, que marcan, pero a escritora sostén que as dinámicas xa son outras. «Cambiaron moito as normas do xogo e a día de hoxe sería difícil poñernos a diferenciar estéticas ou correntes», explica. «O que si teño claro é que en Galicia a día de hoxe se manteñen propostas moi diferentes e moi sólidas e iso seguro que ten que ver cunha tradición poética forte», engade.