A voz filmada
Cultura
30 Oct 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Sendo apenas un rapaz, vin en Lugo o filme de Wim Wenders O ceo sobre Berlín. Aínda que eu estaba afeito a ver cine en versión dobrada, non era aquela a primeira película que vía en V.O. Pero si foi a primeira que me impactou con forza pola súa forma de enfrontarse ao feito da lingua —das linguas— no cine. Lembro a impresión que supuxo para min escoitar os anxos falar en alemán, mentres un home chegado dos EEUU falaba en inglés e unha malabarista perdida na vida falaba o seu francés natal. Aquela fábula con anxos alados agochaba un golpe de realidade difícil de ver nas salas de cine. E difícil de esquecer.
Pouco despois tivo lugar a estrea de Sempre Xonxa, Continental e Urxa, as primeiras longametraxes de produción galega que recollían o ronsel daquelas xa míticas curtas galegas dos 70 (O pai de Migueliño, Fendetestas, Mamasunción...) e que abrían o debate sobre a posible —ou desexada— existencia dun cine galego.
Dous momentos próximos no tempo que, para un adolescente coma min, comezaban a configurar unha idea esencial: Galicia só poderá existir no resto do mundo se somos quen de contar as nosas historias a través do cine, de navegar os relatos coa liberdade creativa —e lingüística— que se respira en O ceo sobre Berlín.
A relación entre cine e lingua é, como mínimo, complexa. Unha boa parte do entramado industrial do cine ten entre pouco e ningún interese no asunto e ve as distintas linguas coma un problema, unha fronteira incómoda que se pode saltar a través da dobraxe ou rodando nunha lingua franca (sexa esta o castelán, o inglés ou o chinés), Esta visión dá lugar a situacións sorprendentes: algunhas moi absurdas como a dos mexicanos incapaces de entender o perfecto castelán de John Wayne nos westerns clásicos, e outras bastante simpáticas como a da convención que se establece en Vencedores ou vencidos cando, despois dun golpe de zoom de cámara, nun instante os personaxes pasan milagrosamente de falar alemán a falar inglés.
O cine ten unha capacidade poderosísima para facernos partícipes doutras vidas, doutras realidades. Convértenos en espectadores solidarios doutras culturas, doutras formas de ver e entender o mundo. E, se lle damos a oportunidade, pode achegarnos a ese pequeno milagre que son as diferentes linguas: os sons humanos que conforman, no día a día, a realidade do planeta.