Unha exposición na Fundación Luis Seoane reivindica a figura de Lolita Díaz Baliño
Cultura
A tía de Isaac Díaz Pardo protagoniza o Día da Ilustración do 2021
19 Nov 2020. Actualizado a las 05:00 h.
A figura e a obra de Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) protagonizarán o Día da Ilustración do 2021 que, como todos os anos, festéxase o 30 de xaneiro, a data que lembra o nacemento de Castelao. A celebración -instaurada no 2004 pola Consellería de Cultura e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración- honra desta volta a unha creadora, destacada ilustradora e docente, que foi a primeira muller en ingresar na Real Academia de Belas Artes -xunto coa pintora Carmen Corredoyra, en 1938- e que foi membro fundador da Asociación de Artistas da Coruña.
Coincidindo con esta efeméride, a Fundación Luis Seoane inaugurará en marzo A realidade soñada. Lolita Díaz Baliño, unha exposición antolóxica ao redor da artista galega comisariada pola crítica de arte e xestora cultural Rosario Sarmiento. Por vez primeira, reunirase un conxunto de augadas, debuxos, colaxes, ilustracións en revistas, obxectos e documentación diversa procedente de coleccións particulares e de institucións públicas, nun proxecto que fará unha fonda revisión da traxectoria desta creadora, inxustamente esquecida ata este momento pola historia da arte en Galicia, lamenta a fundación.
A recuperación e posta en valor da obra de Lolita Díaz Baliño estará acompañada por un catálogo que, ademais de constituír a memoria do proxecto expositivo da Fundación Luis Seoane, recollerá o traballo de investigación e documentación realizado pola comisaria da mostra, afondando nos aspectos biográficos, creativos e pedagóxicos dunha artista que deixaría unha importante pegada no labor posterior de varias xeracións de creadoras.