La Voz de Galicia

Xela Arias: Unha voz transgresora

Cultura

ramón nicolás

28 Dec 2020. Actualizado a las 13:04 h.

Desde o ano 2014 aparecía o nome de Xela Arias como unha das posibles opcións para protagonizar esta celebración que posúe unha singular relevancia no noso ámbito cultural e social. Teño para min, con todo, que a figura de Carvalho Calero quedou sen reivindicar todo o que na realidade e por xustiza merecería nun ano malfadado e, asemade, esta escolla, decidida serodiamente polas circunstancias derivadas da pandemia, agardo que non desluza a atención crítica, editorial e mediática que a obra de Xela Arias merece. Os seus méritos están máis que xustificados como testemuña a súa voz sólida, independente e transgresora, espellada nunha produción creativa viva e intensa, innovadora e descarnada.

Cómpre, así pois, pór ao día a súa figura e salientar os valores da súa actividade creativa. A figura de Xela Arias deberíase abordar desde numerosas perspectivas: ao seu labor como editora, realizado durante moitos anos no seo de Edicións Xerais de Galicia, súmase a súa ocupación como profesional do ensino, que exerceu durante os seus últimos anos en diferentes centros de educación secundaria e onde deixou mostra da súa vocación docente e de entender esta como unha maneira de transformar o mundo.

Literariamente, faise preciso poñer o foco tanto no seu excelente labor como tradutora onde verteu á nosa lingua pezas literarias de Rodari, Jorge Amado, Roald Dahl, Joyce, James Fenimore Cooper, Bram Stoker, Angela Carter, Baudelaire ou Jean Rhys como na súa actividade como poeta: ámbito no que afortunadamente xa podemos contar cun volume que recolle boa parte da súa obra nunha edición de referencia a cargo da profesora M.ª Xesús Nogueira que, baixo o título de Poesía reunida (1982-2004)  inclúe, alén de textos dispersos, o seu debut prometedor encerrado na Denuncia do equilibrio (1986), as páxinas do seu voraz Tigres coma cabalos (1990), a transgresora interiorización da vivencia maternal en Darío a diario (1996) e os poemas agrupados baixo o título de Intempériome (2003): talvez o libro onde repousa a súa palabra máis heterodoxa e iconoclasta. É tamén a devandita especialista quen asina un limiar nese libro que se converte, hoxe por hoxe, na achega máis rigorosa do seu perfil biográfico e literario, a carón doutros textos que integran o libro homenaxe Xela Arias, quedas en nós. Sospeito que tamén se atenderá á súa presenza, máis ocasional pero relevante, como narradora e, abofé, ao seu compromiso e implicación irrenunciable coa nosa lingua, a carón da pegada que deixou en moitos movementos cívicos e feministas nos que sempre estivo en primeira liña. Dedicarlle as Letras Galegas do 2021 debería entenderse como un reencontro con esa «espiral continua / sinuosa, delicada e interminable» que é a súa obra: unha oportunidade para reclamar a vixencia e modernidade do seu discurso literario.

Xela Arias en cinco libros

Tigres coma cabalos (Xerais, 1990)

É probable que o mundo literario dos anos noventa non estivese preparado para un libro coma este onde a autora e o fotógrafo Xulio Gil ofrecían un proxecto artístico innovador: un espello de imaxes e palabras onde o corpo e o social xeraron unha lectura distinta como materia poética.

Darío a diario (Xerais, 1996)

Un dos primeiros libros de poesía que reflexionaba, entre nós, arredor da experiencia da maternidade e da nova cotidianeidade que esta carrexaba. Construída desde unha óptica radical e desposuída de idealizacións convertíase nunha orixinal aposta pola liberdade do ser humano.

Intempériome (Espiral Maior, 2003)

O seu último e máis depurado libro de poesía. Con el abriuse a novas posibilidades esgazando a palabra e a sintaxe e explorando novos horizontes comunicativos: unha nova dinamiteira da fala e da poesía que escribiu: «serse intempestiva. / E domea-la furia á procura / da froita / madura».

Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018)

Da man de M.ª Xesús Nogueira velaquí unha achega que revela a totalidade das liñas de sentido dunha voz radical e consciente de que o seu era percorrer un camiño desde a individualidade para abrazar coa palabra principios como a heterodoxia creadora, a lingua galega e o feminismo.

Dublineses (Xerais, 1990)

Con Débora Ramonde e Rafael Ferradás asinou esta tradución que foi a primeira dunha obra íntegra do escritor irlandés á nosa lingua. O seu perfil como tradutora, ámbito que contribuíu a normalizar e no que obtivo diversos galardóns, é substancial na súa biografía intelectual.

 


Comentar