Xela Arias, Día das Letras Galegas 2021
Cultura
A Academia destaca a obra «singular, sincera e comprometida» da poeta e tamén tradutora
22 Dec 2020. Actualizado a las 23:51 h.
«Abrazo a desorde das ideas / e sei / que a unidade se compón. / A unidade componse. / Da desorde». Os versos que escribiu Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) no seu derradeiro libro publicado en vida, Intempériome, son exemplo desa poesía «singular, transgresora, sincera e comprometida» segundo o pleno da Real Academia Galega, que acordou este venres homenaxear a súa figura -era a única candidata- co Día das Letras o vindeiro ano 2021.
A súa voz poética é a máis destacada dunha autora de diversas facianas, todas elas valiosas e que enriquecen un perfil para a celebración senlleira do 17 de maio. Ademais de cultivar a lírica, Xela Arias fixo incursións na narrativa e tamén participou da expansión da industria editorial -traballou en Xerais de 1980 a 1996-, onde contribuíu como correctora de estilo e editora á fixación da norma do idioma nuns anos cruciais. E non menos importante é o seu labor como tradutora -foi filla do tamén tradutor Valentín Arias-, un papel fundamental en calquera sistema literario pero que aínda non foi recoñecido dabondo no Día das Letras.
Diálogo con outras artes
Volvendo á poesía, a celebración do 2021 tamén abrirá unha xanela á xeración que empezou a publicar na década dos 80 do século pasado e apostou pola renovación temática e formal na súa obra, aínda que, como aclarou a súa coetánea e tamén académica Ana Romaní, o de Arias «é un nome que se pronuncia sen xeración». Ese afán renovador tamén a levou a dialogar dende os versos con outras artes -de xeito especial coa fotografía- e abrir camiños que, segundo os promotores da súa homenaxe no 2021, anticiparon algunhas liñas poéticas posterior. A poesía concibida como indagación e pregunta -esa tensión entre desorde e unidade- era como a concibía Xela Arias.
Ana Isabel Boullón Agrelo, académica de número
Na sesión plenaria ordinaria da RAG tamén foi elixida académica de número a filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo, que ocupará a cadeira vouga polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande. A profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, é unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía. Ten publicado textos non literarios medievais e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e ademais é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado. En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración coa Academia se remonta aos anos 90 do século pasado. É tamén membro de varias asociacións científicas e preside a Asociación Galega de Onomástica.