La Voz de Galicia

Xavier Queipo: «Non é doado falar dun mesmo sen falar dos outros e viceversa»

Cultura

xesús fraga redacción / la voz escritor
Queipo é licenciado en Bioloxía e Medicina e dende 1989 reside en Bruxelas

O escritor regresa á novela coa publicación de «Corazón de Manteiga»

10 Jan 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Xavier Queipo (Santiago, 1957) regresa á novela con Corazón de Manteiga (Galaxia), unha narración que ten como protagonista a Mauro, quen pasa das fantasías da infancia a unha mocidade complexa e unha madurez aínda máis difícil, o que lle serve a Queipo para abordar nas súas páxinas temas como as identidades, a diferenza e a relación entre ficción e realidade.

-«Cada vez é máis difícil contar», di no limiar un personaxe chamado Aprendiz de Bruxo. Resultoulle difícil a vostede contar esta historia?

-Na cita de Bolaño que precede á novela («É difícil contar esta historia. Semella sinxelo, mais se rañas na codia deseguida te dás de conta que é difícil. Todas as historias de alí son difíciles»), xa se dan pistas. Non é doado falar dun mesmo sen falar dos outros e viceversa. Ademais, se falas de territorios espazo-tempo idealizados como a nenez ou a adolescencia, resulta complexo captar/transmitir as sensacións vividas. Resultoume traumático vivilo dende fóra (como aspirante a médico) e dende dentro (como individuo que se sentía membro de varias minorías). Por iso é difícil contar, porque é necesario xuntar nunha mesma narración a visión dende dentro e dende fóra.

-Hai unha evolución no libro do que son unhas memorias de infancia, fantasiosas, pero con certa placidez, ao desacougo que se apodera da narración na segunda metade: unha viaxe ás tebras?

-Cando escribo teño moi en conta o ritmo das palabras. Non vale calquera ritmo para describir lugares ou sensacións vividas ou soñadas. Paréceme que ao longo da novela ten de haber cambios de ritmo como acontece nunha peza musical. Ende máis a vida é unha sucesión (nin sempre lineal) de situacións/decisións/asuncións. Aquí hai unha memoria amábel das patrias nenez/lingua, que despois acorda á realidade complexa da vida. Non diría eu unha viaxe ás tebras, senón unha viaxe a unha realidade (que eu vivín como «aprendiz de bruxo») para algúns descoñecida. Un outro universo, mais ese outro universo era real e estaba aí, aínda que fora case invisíbel.

-O Aprendiz tamén fala da dificultade de establecer lindes, desa separación entre realismo ou fantasía. Cales son eses lindes ou relacións entre a capacidade fabuladora, a fantasía, e o que é unha patoloxía?

-O aprendiz de bruxo son eu mesmo, cando con vinte e poucos anos facía as prácticas para rematar medicina. A ficción e a realidade compórtanse como gases que se mesturan entre eles sen reaccionar. Acontece como cando respiramos, que non somos quen de separar o gas osíxeno e o nitróxeno, as trazas de radon ou o anhídrido carbónico. Respiramos ar, mais non identificamos un gas do outro no acto da respiración. Na literatura acontece o mesmo, o autor ten que ser quen de crear personaxes e situacións nas lindes de realidade e ficción.

-O título, «Corazón de Manteiga», é un alcume que lle impoñen ao protagonista: que papel desempeña ese etiquetarnos polos demais nas nosas identidades?

-O título Corazón de Manteiga, é, ao meu parecer, un dos acertos do libro. Termo de uso vivo na comarca de Amaía, onde comeza a historia, aparece citado en varios poemas de Rosalía, pois xa era de uso hai máis dun século. Ten a connotación de remarcar a debilidade, mais tamén a bondade de quen o porta como alcume.

Certo é que nas idades infantís e xuvenís, as «etiquetas» ben poden ter unha intención máis cruel (menos empática), podendo chegar a marcar a aqueles que non as acepten como unha ocorrencia pasaxeira. Canto máis fagan rabiar, mais serán utilizadas como dardos contra nós. Eu diría que contra as etiquetas non hai como a indiferenza e, asemade, a afouteza de demostrar con feitos que a nosa personalidade vai máis alá dese reducionismo absurdo. Hai un momento no o protagonista acepta o alcume como propio, e, daquela, pasa de ser ofensivo a ser unha marca de identidade, que mesmo pode expandir a súa personalidade.

«A sociedade do franquismo creou individuos cunha gran carga de culpa»

Dende hai xa máis de trinta anos, Queipo constrúe unha traxectoria que se alicerza na novela, pero que non exclúe a poesía, o ensaio, a narrativa breve e a literatura infantil e xuvenil. Outra das súas facetas é a tradución: ten vertido ao galego a autores como Joseph Conrad e Amin Maalouf, e formou parte do equipo que traduciu ao galego o Ulises de James Joyce, un reto que mereceu o Premio Nacional de Tradución 2014, entre outros moitos galardóns.

-A dedicatoria da novela menciona especificamente aos que se senten diferentes...

-O inicio da novela está ambientado na primeira metade da década dos 60, nese franquismo que se respira por todas partes. Esa sociedade de férreo control político, social e -non esquecer- relixioso, creou individuos cunha gran carga de culpa, cunha eiva enorme no que se refire a empatía social ou á educación sentimental. Nesa sociedade era frecuente que aqueles que se sentían diferentes á norma establecida polo poder sufriran psicoses de distinta intensidade froito da represión do eu. Agora acontece tamén, aínda que os tipos psicóticos sexan diferentes.

-E tamén inclúe na dedicatoria ao seu psicanalista, que «desistiu»: era un dos posibles destinatarios do libro?

-O home non podía con tanto soño para interpretar. Lembre como comeza Extramunde en Betanzos, cunha manda de aloulados condenados polo Santo Oficio embarcados para ser liberados na foresta amazónica… e como remata, con outro soño, esta vez en Borneo, o de tallar a cabeza dun home e a dun tigre. Logo de varias sesións non adiantabamos nadiña... Quero supor que terá escrito un capítulo sobre a interpretación dos meus soños. Ogallá.


Comentar