O Congreso acepta a oficialidade do galego nos territorios de Castela e León e Asturias onde se fala
Cultura
A aprobación parcial da proposición non de lei é, para A Mesa, un paso cara á igualdade no Bierzo, na frontera con Zamora e no occidente asturiano
12 Mar 2021. Actualizado a las 14:05 h.
A política, dise, é a arte do posible. Á proposición non de lei (PNL) a prol da igualdade das linguas que chegou ao Congreso da man da Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades que traballan a favor do éuscaro, o catalán, o valenciano, o asturiano ou o aragonés -Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Kontseilua, Nogará, Ciemen, Iniciativa pol Asturianu, Escola Valenciana e Acció Cultural del País Valencià- agardáballe un percorrido cativo ante a imposibilidade de sumar os apoios de PSOE e PP. Viuse no debate do pleno do martes, onde estes partidos esgrimiron razóns como a «inconstitucionalidade» ou o puro ánimo de «confrontación estéril» para non sumarse ao proxecto. O diálogo non daba froito, e as posturas semellaban incompatibles. O respaldo de BNG, Unidas Podemos, ERC, EH Bildu, PNV, Junts per Catalunya, PDECat, CUP, Más País, Equo e Compromís non alcanzaba.
A oportunidade perdida que lamentou entón o deputado do PSC Marc Lamuá -que falou polos socialistas- sobrevoaba o hemiciclo, algo no que incidían as emendas do PSOE e do PP, en cuxos argumentos se intuían, porén, certas confluencias coa iniciativa que promovía A Mesa. Foi neste escenario como -nunha lóxica que non sempre trunfa- emerxeu a posibilidade de que os propoñentes tentaran salvar algúns aspectos do proxecto ao solicitar o voto punto por punto da PNL.
Así ocorreu. E foi a maneira de que se lograra este xoves no Congreso a aprobación parcial da proposición non de lei, o que A Mesa pola Normalización Lingüística considera «un pequeno paso cara á igualdade» e o respecto do plurilingüismo en España, que debe ratificarse co seu desenvolvemento por parte do Estado. Neste sentido, o Parlamento instará ao Goberno central a recoñecer a pertinencia e a necesidade de facer oficial o galego nos territorios das comunidades de Asturias e Castela e León onde se fala -Occidente Asturiano, León e Zamora-, espazos nos que debe ademais favorecerse o seu emprego. Do mesmo xeito, e atendendo ao que recolle a carta europea das linguas rexionais e minorizadas, aprobouse permitir a validez en Galicia de documentos oficiais escritos en portugués -na medida en que ambas linguas integran o mesmo sistema lingüístico- e tamén a reciprocidade na recepción de radio e televisión.
E, en última instancia, o Congreso acordou demandar un «respecto real» ao galego -e demais linguas cooficiais- baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento, o que abre o camiño para a igualdade xurídica plena das linguas. Este punto foi aprobado cos votos a favor de todos os partido políticos (PSOE e PP incluídos), agás Vox. A importancia deste aspecto, apunta A Mesa, reside na novidade do deber -que asistía ao castelán- con respecto ao galego, o que garantirá a obriga dos funcionarios do Estado de coñecer o galego e de atender desde a Administración estatal en Galicia calquera reclamación ou documento que estea redactado en galego.
Alén do galego, a aprobación parcial da PNL supón que o Congreso instará ao Executivo que lidera Pedro Sánchez a impulsar e apoiar reformas estatutarias que permitan recoñecer a oficialidade de novas linguas como o asturiano e o aragonés.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, valora a votación de modo positivo e celebra o respaldo puntual de socialistas e populares, nun esforzo de diálogo que agarda que se poda trasladar a Galicia, á Cámara autonómica e ao Goberno de Núñez Feijoo. «O PPdeG ten deberes que facer en Galiza: sentarse a falar e materializar os acordos acadados», explica.
Deuse un paso, di, que «permite avanzar nun futuro cara mudanzas máis importantes», en canto que non renuncian ás aspiracións contidas nos puntos que non saíron adiante. «Democracia, liberdade e igualdade. Hai moito en xogo. E nós seguiremos traballando». Haberá que estar vixiantes, adiantou Maceira, para que o Goberno central poña a vontade e os medios precisos para que se executen os acordos.