La Voz de Galicia

O Parlamento presenta «Chorimas para Celso Emilio Ferreiro», o libro sobre a pegada que deixou o autor

Cultura

Domingos Sampedro

A publicación compila dende as homenaxes dedicadas ao poeta de Celanova ata a súa influencia sobre a cultura urbana

12 Mar 2021. Actualizado a las 18:42 h.

Celso Emilio Ferreiro foi un escritor recoñecido en vida e segue a ser celebrado catro décadas despois do seu pasamento. A imaxe do poeta, con lentes e bigote, foi deconstruída en caricaturas, selos de correos e carteis con todo tipo de cores. Os versos de Deitado frente ao mar prestáronse ao hip-hop dos Dios ke te crew e cos de Irmaus fixeron punk os membros de Satxa. Quen non veu algunha vez un graffiti ou unha pintada urbana cun extracto da Longa noite de pedra?

O libro Chorimas para Celso Emilio Ferreiro, presentado este venres no Parlamento galego, recolle algunha desas pintadas espalladas de xeito irreverente polas vilas galegas e tamén compila imaxes de bustos e placas de rúas co seu nome que locen na súa vila natal, en Madrid, Móstoles, Vigo ou Venezuela.

Tal e como explicou Ramón Nicolás, crítico literario e membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro, o libro do que é autor quer ser unha crónica sobre o legado do poeta de Celanova, deténdose nas homenaxes e seminarios feitas logo do seu pasamento. A publicación é, en si mesma, unha rareza. «É un libro ronsel —explicou Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega—, que comeza logo da morte e recolle a pegada de Celso Emilio, a crónica vivida por todos nós logo do seu pasamento».

Luís Ferreiro, fillo do escritor, xunto con outros familiares, participaron tamén na presentación do libro que tivo lugar no Salón de Reis do Parlamento de Galicia, coa presenza do seu presidente, Miguel Santalices, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, como representantes das dúas institucións que patrocinan a obra.

Aínda que non se trata dunha biografía do autor, senón máis ben dun libro sobre a construción do poeta como «símbolo e referente para unha sociedade», explicou Valentín García, permite ver algúns aspectos do carácter e a personalidade dun autor irrepetible. «Estivo inequivocamente comprometido co país o coa lingua», explicou Freixanes. E tamén coa política. En 1964 participa na fundación da UPG, hoxe o partido hexemónico do BNG, co que racha unha década despois, e acaba afiliándose ao PSOE para contribuír a galeguizar este partido.

Celso Emilio morre en 1979. E sobre a súa sepultura, explicou Santalices, a súa dona, Moraima, depositou chorimas, a flor do toxo, «a súa flor preferida».


Comentar