La Voz de Galicia

Sobre «Nada»

Cultura

Xesús Alonso Montero

16 Apr 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Laforet naceu en Barcelona o 6 de setembro de 1921 e faleceu en Madrid o 28 de febreiro do ano 2004. Estamos, pois, no centenario do nacemento daquela narradora que, con 23 anos, escribiu unha novela, co título de Nada, que sorprendeu, naqueles inhóspitos días da posguerra, a críticos e lectores. Ela, coa súa maneira de ollar e a súa sensibilidade de muller, fixo un retrato perfecto da mediocre substancia daquela sociedade que acababa de saír dunha guerra. Por iso a novela se titula Nada. Con ela, aquela rapaza descoñecida gañou o primeiro premio Nadal de novela (Barcelona, 1945) e asombrou aos lectores máis expertos e a críticos do exilio tan agudos como Ramón J. Sender.

A presenza de narradores galegos na primeira edición de tan importante premio foi considerable, tamén cualitativamente. Coa novela En el pueblo hay caras nuevas acadou o rango de finalista José M.ª Álvarez Blázquez (2 votos), e foron ben consideradas as novelas de Carlos Martínez Barbeito (El bosque de Ancines) e Luís Manteiga (Zambulón, mundo cerrado, inédita).

O que moitos ignoran, mesmo bastantes letraferidos, é que a singular novela de Carmen Laforet tivo problemas coa censura franquista. Os dous censores coincidiron na valoración literaria totalmente negativa, tanto que un deles xulgouna como «novela insulsa, sin estilo ni valor literario alguno». Por sorte, prevaleceu, na consideración extraliteraria, o criterio do outro censor para quen o relato non atacaba o Dogma, nin a Moral nin o Réxime. Considerou, por tanto, que «no hay inconveniente en su autorización». Hai que supoñer que se moveron nos despachos oficiais algúns dos membros do xurado, cataláns moi ben situados que fixeran a guerra no bando de Franco (Ignacio Agustí, Josep Vergés, Juan R. Masoliver).

Imponse engadir que, naqueles anos, os que pastoreaban as inquedanzas espirituais dos súbditos de Franco estaban na liña do censor máis severo. É significativa a valoración do padre Antonio Garmendia, xesuíta, na guía de conciencias que titulou Lecturas buenas y malas a la luz del dogma y de la moral (Bilbao, 1949): «Nada es novela inmoral».


Comentar