La Voz de Galicia

Ledicia de 20 anos de música en galego... e dos que virán

Cultura

Javier Becerra Redacción
Teresa Cuiñas y Pepe Cunha, comisarios da exposición sobre as cancions en galego en Pontevedra

A exposición «Cantámola en galego», que exalta o emprego do idoma en calquera tipo de estilo, pódese ver en Pontevedra durante todo o mes de maio

11 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Dúas décadas de música feita en galego de todos os estilos. Iso é o que se condensa en Cantámola en galego, a exposición que se pode ver estes días na praza de Ourense da cidade de Pontevedra. Poderase visitar durante todo o mes de maio, reivindicando precisamente o uso do galego e proxectándoo no futuro. «Irá a máis. É un factor de diferenciación, cunha sonoridade de seu. Trátase de emocionar e de provocar sensacións, e un idioma pode contribuír como un dos factores para tocar a fibra», sinala o crítico musical Pepe Cunha, biógrafo de Guadi Galego e un dos comisarios da mostra.

A outra mente creadora desta iniciativa é a de Teresa Cuíñas, xornalista que adoita falar do que ocorre en Galicia en publicacións especializadas como Rockdelux. «Queremos amosar a diversidade da música en galego nos últimos vinte anos para que o público a coñeza e a goce e, nomeadamente na mocidade, axudar a crear referentes que se expresan na nosa lingua», comenta Cuíñas.

Con ese punto de partida, Pepe Cunha fai unha extensa recompilación de artistas e xéneros. De Narf a Baiuca, pasando por Herdeiros da Crus, Leilía ou Caxade. O recorrido resulta tan amplo que, de paso, serve para rachar a falsa imaxe de que o galego só se emprega para o folk ou a música combativa. «Na introdución recoñecemos esa asociación para amosala xa superada. En propostas vencelladas ao tradicional seguimos a ser unha potencia, pero hai tempo que xogamos co power-pop, o blues, a electrónica, a experimentación, o trap, o soul... Nas músicas foise avanzando nesa normalización tan desexada, nos distintos contextos e no día a día», explica o crítico musical.

«Penso que hai unha tendencia global, entre moitas outras, que anima a crear desde o que é un mesmo», reflexiona Cuíñas. «Máis que nunca cobra sentido a frase de que "En galego, estamos no mundo". A potencia artística que nace desde o sentir propio paréceme irresistible e coido que está agromando na diversa e rica escena musical en galego que demostramos que existe», sinala a xornalista.

Cada vez máis exemplos

Artistas de pop como Chicharrón ou de rock como Moura xa fan todo o seu repertorio en galego. Outros como Xoel López ou Sabela inclúen temas nesa lingua nos seus discos. E cada vez son máis os proxectos nados directamente con ese compromiso, como Néboa ou Ortiga. Semella que existe unha tendencia clara nese sentido e que non ten volta atrás. «Espero que así sexa —indica Teresa Cuíñas—. Non hai nada máis auténtico có que nace de dentro. Hai un público que, por motivos de percepción que poden ser infinitos, dende a emoción, identificación, catarse ou ampliar horizonte de expectativas, quere sentir iso».

«Se Os Resentidos xa racharon fronteiras nos 80, por que non pode Guadi Galego?»

Máis alá da reivindicación do propio, moitas veces se pon sobre a mesa o feito de que o emprego do galego supón un obstáculo para transcender fóra de Galicia. Pepe Cunha sinala que «primeiro cómpre ter relevancia aquí, se non o cremos nós é difícil». Pero tamén mira ao pasado para contemplar o que ven: «Se Os Resentidos xa o fixeron a finais dos 80, por que non poden Guadi Galego, Os Amigos dos Músicos, Mercedes Peón, Terbutalina ou Familia Caamagno?».

«Aí están Guadi Galego, que toca fóra de Galicia, ou Baiuca», lembra Teresa Cuíñas. «Aínda que seguramente poderían saír moitísimo máis, contan cos parabéns do público por onde van. Estou desexando ver que pasa cando o mundo descubra a Chicharrón, Pantis, Peña, Musel, Tanxugueiras e tantos outros», engade.


Comentar