A revista Fugas homenaxea a rebeldía viva de Xela Arias
Cultura
Dous textos iniciais inéditos son recuperados nun especial que alumea a poeta do Día das Letras en vinte páxinas
13 May 2021. Actualizado a las 15:33 h.
A revista Fugas, que se entrega este venres gratuitamente con La Voz, ofrece un número especial para celebrar no seu amplo abano de talentos a Xela Arias, a poeta homenaxeada o Día das Letras, que segue a prender cos seus versos a chama da vida no lector e na rúa.
A escritora Alba Cid, premio nacional de Poesía Joven 2020 e autora do libro Xela Arias. Para ser de todo -que se entrega o luns 17 con La Voz por 1,95 euros co cupón do lombo do xornal-, é unha das persoas entrevistadas na revista de cultura e ocio de La Voz, que se achega a Xela dende os recordos do escritor Manuel Rivas, que entrevistou á homenaxeada no 90 nun retrato literario en La Voz que fixo historia, e os máis familiares e íntimos do fillo da poeta, Darío.
«Xela é moi rotunda, nunca tremeu para dicir que lle interesaba máis o rock que a poesía que se estaba facendo no seu momento», afirma Alba Cid na primeira entrevista dun Fugas que conta con artigos dos escritores Diego Ameixeiras e Inma López Silva, a libreira Mercedes Corbillón, a profesora e crítica Malores Villanueva e inclúe unha selección de lecturas a cargo do crítico Ramón Nicolás para coñecer mellor á poeta do rock.
Material inédito
A primeira Xela, a célula nai da poeta e a gran traballadora da palabra en que se converteu a muller que nos deixou precozmente a causa dun ataque ao corazón con 41 anos, alumea este percorrido pola súa vida e obra, dende a rapaza que aprendeu a andar e amar a natureza na granxa escola de Barreiros (case sempre cunha tartaruga de goma na man!) ata o espido, puro corpo da poesía, da obra Tigres coma cabalos, que escacha moldes aínda hoxe. Dous textos iniciais inéditos da poeta son rescatados en Fugas, que amosa a pegada viva de Xela Arias nas rúas, en centros de ensino nos que estivo e na creación doutras autoras actuais, como Berta Dávila.
Diferentes músicos galegos, como Laura LaMontagne & PicoAmperio, A Banda da Loba ou Eloi Caldeiro, líder dos Brath, tamén renden a súa homenaxe á figura do Día das Letras neste especial, que entrevista amais na revista á escritora e dinamizadora cultural Yolanda Castaño.
«Xela é unha desas persoas nas que confiarías para ir á fin do mundo», asegura Manuel Rivas nun Fugas que se pecha cos recordos con arrecendo a torta de mazá do fillo de Xela, Darío, quen nos emociona: «Léndoa sinto que falo con ela».
A Deputación da Coruña conmemora a Xela Arias e ás mulleres do Día das Letras
O Día das Letras Galegas celebra a figura de Xela Arias, a quinta muller en protagonizar a festa do 17 de maio dende que botou a andar en 1963. Por este motivo, a Deputación da Coruña quere aproveitar este 2021 para non só conmemorar a obra de Arias, senón a todas as mulleres do Día das Letras. Vídeos en Internet, espectáculos musicais e intervencións poéticas nos pasos de peóns de dez concellos son algunhas destas iniciativas.
Os vídeos están formulados cun formato de pregunta resposta e poden descargarse libremente. Inauguran a serie as pezas sobre Xela Arias e María Victoria Moreno, ás que se sumarán María Mariño, Francisca Herrera e Rosalía de Castro. Serán os seus versos tamén os que protragonizarán as intervencións e pasos de peóns de dez concellos da mancomunidade de Ordes e Ferrol.
En colaboración coa AELG promóvese o obradoiro Xela Arias. A poesía como acción, con dúas propostas, unha pensada para ESO e bacharelato, a cargo de Dúas Gamberras e un Micro, e outra para primaria, a cargo de Andrea Barreira. Son iniciativas didácticas que se complementan con guías didácticas.
En canto ao espectáculo musical, Por Xela! poderá verse no IES Puga Ramón, da Coruña, o vindeiro día 19. Participa A Banda da Loba, que puxo música a poemas da autora, xunto coas fotografías de Xulio Gil e a intervención das escritoras Celia Parra, Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil e Helena Salgueiro. A Deputación tamén repartirá polos concellos da provincia 5.000 exemplares dun libro con poemas de Arias e retratos que lle fixo Xulio Gil.
«Xela Arias é unha escritora innovadora, transgresora, transformadora da palabra poética que será a protagonista deste ano, mais temos que lembrar que, polo de agora, e con ela, só cinco foron as mulleres homenaxeadas no día das Letras Galegas e na nosa programación queremos deixar clara tamén esa circunstancia», explicou a deputada María Muíño na presentación.
Gadis repartirá un libro que reúne as voces de 15 poetas xunto co traballo de catro artistas gráficos
Gadis súmase á celebración do Día das Letras cunha publicación especial que repartirá gratuitamente nos seus establecementos o vindeiro sábado. Trátase dun libro que reúne as voces de 15 poetas xunto co traballo de catro artistas gráficos, un volume prologado pola profesora da Universidade de Santiago María Xesús Nogueira Pereira. Nese texto explícase que as voces poéticas escolmadas no volume son principalmente novas ou pouco coñecidas, co obxectivo de homenaxear as Letras Galegas e tamén a traxectoria de Xela Arias. Que fose coñecida sobre todo pola súa faceta poética xustifica a escolla deste xénero para o libro, pero tamén o feito de que sacase os versos dos seus espazos habituais para levalos a novos ámbitos.
As voces reunidas no libro son as de Andrea Nunes Brións, Tamara Andrés, Lúa Mosquetera, Gonzalo Hermo, Samuel L. París, Ismael Ramos, Quico, Helena Salgueiro, Xabier Xil Xardón, Rosalía Fernández Rial, Daniel Landesa, Celia Parra, Cristina V. Miranda, Pompa & Boato e Alba Cid. Algúns dos poemas que achegan ao libro son inéditos. As obras gráficas están asinadas por @myriampato, @freckleseye, @sdraswi e @dropoutofcollage.