Ramón Villares revisa a Galicia do XX para repensar o futuro
Cultura
O seu novo libro analiza as relacións entre cultura e política
02 Jun 2021. Actualizado a las 05:00 h.
«Este libro está cheo de futuro coa desculpa do pasado». Deste xeito se referiu o historiador Ramón Villares á súa nova publicación, Cultura e política na Galicia do século XX (Galaxia), na que recolle quince estudos e ensaios escritos durante os últimos tres lustros desde unha dupla perspectiva: a propia do investigador co método de historiador e a do xestor institucional despois de doce anos como presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), lugar onde onte presentou a publicación acompañado pola actual responsable da institución, Rosario Álvarez, así como o profesor Ramón Máiz e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Con este traballo, a pretensión do catedrático de Historia Contemporánea da USC, segundo afirma no prefacio, é ofrecer achegas e reflexións que «contribúan a dotar dunha perspectiva comparada a evolución da cuestión nacional galega no século pasado».
O libro «é en parte provocador e en parte consolidador de ideas que xa se teñen», afirmou o historiador, engadindo que a súa labor como presidente do Consello da Cultura Galega lle permitiu «coñecer algunhas entreteas da cultura e poder ir contracorrente en lugar de a favor de corrente. A miña obriga non é pensar como todo o mundo, senón tratar de facer cousas diferentes porque temos moita necesidade de repensarnos a nós mesmos, repensarnos colectivamente, pensar que queremos ser, que país queremos ter». Nese senso, é onde Ramón Villares apunta que emprega o pasado como un instrumento que lle permite deseñar o futuro. Cultura e política na Galicia do século XX «parte dunha posición na que se abandona todo ton romántico e non hai unha concepción militante -nin desde o punto de vista nacional, nin moral, nin ideolóxico-, senón que é un libro que aspira a trasladar un tamiz para que as persoas poidan atopar algo útil de cara ao futuro».
Se algo agroma en toda a publicación, «é a idea de pluralidade», que para Villares, «é un valor esencial» xa que sen ela «só hai un mandato supremo e eu non recoñezo dogmas». Outro dos aspectos centrais é a mirada exterior, que aborda desde diferentes perspectivas e na que lle dá especial relevancia ao exilio. «O exilio galego sen ser politicamente tan sobrio como o vasco ou o catalán, tivo outras vantaxes. Foi capaz de preservar a cultura feita na Galicia territorial ata a Guerra Civil, así como de reconectar os emigrantes do ‘país soñado' cos ‘heroes calados', e nos anos 70 foi o primeiro que se preocupa sobre o que vai pasar aquí», afirmou o historiador. Villares lembrou que este novo traballo «non é un libro de tese, senón reticular», en referencia a que os temas que aborda son diferentes, «pero o autor é o mesmo», servindo deste xeito para aportar coherencia á publicación.
Revisión do canon
O profesor Ramón Máiz fixo fincapé na novidade das ideas que aporta Ramón Villares, así como «a coraxe e valentía» que destilan as páxinas do traballo. Resaltou que se ofrece unha revisión do canon e visións distintas as habituais. Máiz puxo o foco en feitos singulares como o do retorno dos restos de Castelao. «Foi un momento de tensión extraordinaria», manifestou o profesor. Tamén resaltou a relación que se produce entre cultura e política, -para Villares ambas «camiñan de ganchete»- e profundou en que «a cultura non é só libros, literatura, música, senón tamén organización».
Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, apuntou que o novo libro de Villares é importante «para coñecer mellor a Galicia do século XX, pero tamén para coñecer mellor o CCG en si mesmo, en particular a deriva e o grado de definición que foi collendo como consecuencia da ducia de anos que el estivo ao fronte da institución».
«Gran pensador do país»
Tamén interveu no acto o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, quen citou a Villares como «un dos grandes pensadores que temos no noso país neste momento», apuntando que cos seus traballos «non só vemos o presente, senón que tamén vemos portas abertas cara ao futuro».
O libro está estruturado en tres partes, tal e como debulla o autor no prefacio. Na primeira achega a cultura na súa dimensión institucional pero tamén na condición de sector produtivo. Un espazo no que, entre outras cuestións, recolle a creación do Consello da Cultura Galega. A segunda parte pon o foco na política, debullando a presenza dos intelectuais galeguistas no espazo público, «nomeadamente nos anos setenta e primeiros oitenta e a súa capacidade para actuar desde fóra no campo da política». Un ámbito no que repasa a experiencia de Nós ou a figura de Piñeiro -«que foi esencial», remarcou onte durante o acto-, así como o galeguismo histórico e a transición democrática, e os herdeiros de Castelao. A terceira parte de Cultura e política na Galicia do século XX está dedicada «ao estudo das redes políticas tecidas desde Galicia durante o franquismo» a partir das figuras de Ramón Piñeiro ou Luís Seoane. «Creo que temos unha necesidade de construír un relato da época do franquismo e da Transición en termos historiográficos, non en termos de repulsa ou de derrota», afirmou Villares, que no libro analiza as relacións entre grupos do exilio e do interior e explica algunhas das decisións máis controvertidas da Transición e nacente autonomía.