La Voz de Galicia

A Xunta apoia 262 propostas para desenvolver máis dun milleiro de actividades culturais

Cultura

Montse García Santiago

O Fondo de Poxectos Culturais Xacobeo 21-22 reparte tres millóns de euros na súa segunda convocatoria

12 Jun 2021. Actualizado a las 18:07 h.

A segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, o programa impulsado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de Reactivación, colaborará con 262 proxectos que posibilitarán desenvolver máis dun milleiro de actividades ao longo de toda Galicia ata mediados de decembro: concertos, exposicións, espectáculos de teatro, maxia, contacontos... Nesta segunda edición as achegas serán de tres millóns de euros, 500.000 máis que o ano pasado. «Tratamos de incentivar a actividade e, ao mesmo tempo, transferir recursos ao sector cultural neste momento de pandemia», asegurou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que anunciou que nos vindeiros días —previsiblemente o martes— sairá publicada a resolución cos proxectos beneficiados entre os 1.362 que concorreron.

A idea da Xunta é que xa neste mes poidan empezar a desenvolverse algunhas das actividades, principalmente, ás vinculadas ao ámbito escénico ao aire libre, que medraron nesta edición. Pero os fondos tamén apoian publicacións, traballos audiovisuais, discos ou exposicións, entre outros. «É un programa diverso, plural e transversal», afirmou Román Rodríguez, nun acto no que estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Son tres as liñas de traballo incluídas no fondo. Por un parte, os proxectos de ámbito dixital, como poden ser documentais, videoclips... Suman preto de 130 proxectos aprobados e representan case a metade dos beneficiarios. Outra das modalidades corresponde con aquelas iniciativas que se poidan celebrar de xeito presencial, caso de concertos, espectáculos escénicos.... Son un cento de propostas, segundo detallou o secretario xeral de Política Lingüística. Por último, na liña de produtos materiais —na que se inclúen libros, discos, exposicións...— hai 32 beneficiarios, un 10 %.

Entre as actividades que se desenvolverán co apoio de estes fondos están máis de seiscentas sesións musicais, outras tantas representacións escénicas, 118 propostas de divulgación científica —unha das novidades—, dezaseis exposicións, así como 21 iniciativas de animación á lectura. Os beneficiarios son un cento de autónomos, 114 empresas do sector cultural, 36 asociacións sen ánimo de lucro e doce cooperativas. As axudas poden chegar aos 15.000 euros nos casos de empresas, mentres que no de autónomos sen traballadores ou empresas unipersoais poden optar a un máximo de 6.000 euros.


Comentar