O exilio e a Guerra Civil, a través da arte de catro contemporáneos de Castelao
Cultura
O Museo de Pontevedra inaugura unha nova sección da colección permanente
29 Jun 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Uns tiveron que exiliarse por mor do golpe de Estado de 1936 e outros foron asasinados polos sublevados, pero todos teñen en común que son coetáneos de Casteleo e amosaron, a través da súa arte, a súa visión da Guerra Civil e do exilio. Aproveitando o aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía da Galicia en 1936, do que este luns se conmemorou o 85 aniversario, o Museo de Pontevedra inaugurará este martes unha nova sección na colección permanente centrada en catro autores que, «dende perspectivas vitais e ideolóxicas similares, que nalgúns casos nunca foran expostas ao público e veñen completar a obra de Castelao».
Trátase de ofrecer «unha visión máis global do impacto que a guerra e o réxime franquista tiveron na produción de creadores galegos exiliados en América, truncando a súa traxectoria vital e evolución artística».
A nova área expositiva está conformada por catorce pezas asinadas por artistas ligados ideoloxicamente ao galeguismo, o nacionalismo e a República cunha vivencia moi semellante á de Castelao e que «foron asasinados, forzados a un longo exilio e impedidos de regresar ou obrigados a un asfixiante e represivo exilio interior». A responsable de Coleccións do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, estableceu unha selección que posibilita que o visitante poida facer un percorrido temático relacionando estas obras co Álbum de Guerra de Castelao, xa exposto no Museo dende 1981. Unha das principais características destas obras é o feito de que so se amosarán ata o de agora en exposición temporais e nunca configurando un todo cun nexo común.
Seis augadas do ilustrador vigués Federico Ribas deixan patente a represión que se viviu en Bueu e da que foi vítima: «O golpe de Estado colleuno veraneando na vila do Morrazo e escapou a Portugal, como xa fixera tamén Maruja Mallo», refiren dende a Deputación de Pontevedra de quen é internacionalmente coñecido por deseñar a imaxe de Heno de Pravia de los Laboratorio Gal. Este álbum de aguadas nunca estivera integrado na colección permanente.
Do pontevedrés Arturo Souto exhíbese un álbum de debuxos de guerra que publicou o Ministerio de Propaganda Republicano, entre os que se inclúe unha «peza que nin sequera se expuxera na expo antolóxica que se fixera en A Coruña e despois en Pontevedra a finais dos 90». Trátase dun debuxo que estivo no pavillón español na Exposición Internacional des Arts et Técniques do 1937 en París co Guernica de Picasso e logo en Bruxelas. A acuarela Bombardeo foi publicada nunha revista da República e durante moito tempo foi so coñecida pola reprodución na prensa ata que apareceu á venda e foi adquirida polo Museo.
Tanto este autor como o cuntiense Uxío Souto coñeceron de primeira man o ter que exiliarse. Se o primeiro formou parte da denominada caravana do exilio que partiu dende Barcelona en 1939, o segundo viuse obrigado a cruzar os Pirineos permanecendo nun campo de refuxiados. Ambos, ademais de compartir o feito de ser bolseiros da Deputación de Pontevedra, terminaron establecéndose en México.
Ademais dalgunhas esculturas, Uxío Souto é autor de sendas augadas que amosan a súa experiencia persoal ao final da contenda: «A fuxida das persoas vencidas polos Pirineos e a visión atormentada dos republicanos confinados no campo de refuxiados francés de Barcarés no que el tamén estaba internado».
A mostra completase cunha escultura do ferrolán Camilo Díaz, pai de Isaac Díaz Pardo, quen foi asasinado polos golpistas o 14 de agosto de 1936.
As obras dialogan coa música dos seus coetáneos a través da guitarra de Samuel Diz
O guitarrista Samuel Diz (Tui, 1986) ofrecerá este martes no Museo de Pontevedra (19.30 horas) o concerto Álbums de guerra: músicas para unha exposición, unha sorte de diálogo das pezas con obras de coetáneos que, en gran medida, tamén viviron a experiencia bélica e o exilio. É o caso, por exemplo, do compositor Xesús Bal y Gay e a pianista Rosita García Ascot, destacados expoñentes da Xeración do 27, na que Diz é especialista. Do primeiro interpretarase Pastoral, mentres que da segunda Canción de cuna e Española. En ambos -eran matrimonio- influíu notablemente o pintor Arturo Souto na súa idea de abrir unha galería de arte, Diana, na capital mexicana onde se exiliaron. O guitarrista tamén relaciona as experiencias doutro artista, Uxío Souto, coas de Simón Tapia Colman -de quen interpretará Momento andaluz-, xa que ambos pasaron polos campos de concentración franceses e logo desenvolveron as súas carreiras en México. Outro emparellamento sitúa a Federico Ribas con Isidro Maiztegui, de quen se ofrecerá hoxe a estrea absoluta da súa Suite para guitarra. Maiztegui puxo música aos Seis poemas galegos de Lorca, de quen se interpretará tamén unha escolma de cancións populares recollidas polo poeta, completando así un programa no que figuran ademais tres pezas do compositor galego Xosé Chas García.