Acabou o «boom»?
Cultura
18 Dec 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Acabou o boom literario latinoamericano? É unha pregunta que algúns se plantexan ante o feito evidente de que Gabriel García Márquez, Juan Rulfo, Juan Carlos Onetti, Jorge Luis Borges, Pablo Neruda e un moi longo etcétera xa non son máis que os ilustres nomes duns escritores incomparables que encheron de gloria literaria un pasado próximo, pero que xa non están entre nós. Seguimos a lelos, certo, pero do mesmo xeito que o facemos con Cervantes, Dostoievski, Kafka, Camus, Hemingway ou Dos Passos, ós que hoxe temos como grandes mestres dun tempo literario incomparablemente glorioso pero certamente pasado.
Segue vivo e activo Mario Vargas Llosa, que é un escritor maiúsculo, da estatura literaria dos máis grandes do boom. Pero xa é unha excepción vital que non ten a contorna do boom. Porque aquela maxia non se extinguiu, é certo, pero si que o volcán creativo deixou de soltar a lava literaria dun conxunto inesquecible de escritores que, para moitos, terminou o 17 de abril do 2014, o día en que o gran García Márquez finou en Ciudad de México. Dalgunha maneira, todos lle recoñeceramos un liderado indiscutible desde que vira a luz a súa magna novela titulada Cien años de soledad, publicada por primeira vez en 1967 en Bos Aires pola Editorial Sudamericana.
Acabou aquel boom incomparable que se estendeu por toda América Latina e, despois, por todo o mundo? Dun xeito grupal, pódese dicir que si. Pero tamén é certo que algúns autores, con Vargas Llosa á cabeza, seguiron a darlle unha continuidade indiscutible a esa etapa máxica. Un Mario Vargas Llosa que naceu o 28 de marzo de 1936 en Arequipa (sur do Perú), que adoptou a nacionalidade española en 1993, que recibiu o Premio Nobel de Literatura no 2010 -seis anos despois de obter o Cervantes- e ó que no 2011 se lle outorgou en España o título de marqués de Vargas Llosa. Toda unha orxía de recoñecementos ben merecidos, pero que nunca lograron poñelo por riba de Gabriel García Márquez, o escritor que dicía ter unha avoa galega (Tranquilina Iguarán Cotes) e que en 1982 veu a Galicia para reencontrarse coas súas orixes.