Bryce e os galegos
Cultura
29 Jan 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Remexendo papeis nestes días do novo ano, descubrín unha carta que me escribiu no 2001 o gran escritor peruano Alfredo Bryce Echenique que incluía unhas reflexións sobre as obras dos escritores galegos que leu, en distintas etapas, e que se converteron para el nun gran pracer porque lle «trouxeron ecos de grandes literaturas».
Bryce, retirado da escritura o ano pasado, referíase a obras de Emilia Pardo Bazán, Gonzalo Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Xosé Luís Méndez Ferrín e Carlos Casares, que consideraba moi valiosas, orixinais e atinadas. Porque atopara valores creativos de altura en todos eles, aínda que lera máis obras de Pardo Bazán e de Torrente ca dos outros. Pero isto non lle impedira percibir a grande orixinalidade literaria de Cunqueiro, Méndez Ferrín e Casares, aos que certamente admiraba.
Anos antes, na Coruña, xa me falara desas lecturas e doutras. Porque na carta aquí referida esquecera citar a Camilo José Cela, ao que valoraba sobre todo pola novela La familia de Pascual Duarte, que, dalgún xeito, se lle figuraba tamén latinoamericana.
Pola miña parte, débolle un prólogo a un libro de relatos e un longo artigo nun xornal de Madrid sobre a miña primeira novela, Oxford, amén. Nunca saberei se todo o que dixo foi algo máis ca mostra dunha fonda amizade. Por isto prefiro deixalo así.
O certo é que Bryce é un dos grandes do boom latinoamericano. Un dos máis novos tamén, e o último en retirarse até agora. Queda en pé o seu incansable paisano Mario Vargas Llosa, antano contendente de García Márquez, e premio nobel de literatura coma o colombiano. E coma Camilo J. Cela, que tamén mereceu o galardón sueco.
Bryce Echenique non soñou co nobel, nin me falou nunca diso. O narrador peruano só quería ser o que era: un escritor cunha vocación irrefreable que o levaría a vivir en lugares como Francia, España e Italia, para ao cabo retornar a unha praia do seu país, fronte ás augas oceánicas do Pacífico. Un espazo que quizais lle trae lembranzas de cando se retiraba ás Illas Canarias para poñerse a escribir. O balance da súa literatura é simplemente maxistral.