Xosé Zapata: «Estamos nunha segunda idade de ouro da animación galega»
Cultura
O produtor, director e guionista de «The Monkey» di que os Goya deben ser unha chamada de atención para artellar un novo modelo de axudas autonómico de carácter específico para consolidar unha industria
13 Feb 2022. Actualizado a las 22:58 h.
Ao cuarto nomeamento foi a vencida. Tras as candidaturas como produtor con Minotauromaquia (2004), El ataque de los kritters asesinos (2007) e Vicenta (2010), chegou o Goya para a curta The Monkey. «Quitei a espiniña si, ademais cun proxecto moi persoal que partía dunha idea miña e no que eu teño presenza como produtor, director e guionista. Pero o cine en todo caso é un traballo colectivo, eu concíboo así, e neste filme houbo máis de cen persoas traballando», e todas achegaron a súa contribución, cada unha na súa parcela, di Xosé Zapata (A Coruña, 1975). E cita por exemplo ao compositor da banda sonora, o catoirés Manuel Riveiro, membro de Milladoiro e que fixo a música para filmes de Dani de la Torre como El desconocido, La sombra de la ley, Live is Life e a serie La unidad.3
De feito, a colaboración traspasa fronteiras en The Monkey, porque este traballo, e o seu nivel profesional, subliña, non sería posible sen o apoio do seu socio portugués, a produtora Sardinha em Lata, e das axudas públicas lusas. «É un dos países de Europa que dispón de mellores subvencións para facer animación. Déronnos máis de cen mil euros e iso que un dos directores, eu, era de fóra; é verdade que o outro, Lorenzo Degl'Innocenti, é italiano, pero leva vinte anos en Portugal desenvolvendo o seu traballo».
«O goya vennos de marabilla», clama Zapata. Por exemplo, para a súa viaxe a Bordeos, onde co mesmo equipo de The Monkey presentarán o 8 de marzo no festival Cartoon Movie o proxecto Tablas, no que adaptan a novela de Paco Cerdá El peón sobre a partida de xadrez que Arturo Pomar e Bobby Fischer xogaron en Estocolmo no inverno de 1962.
Pero coa súa produtora Parrocha Estudio anda Zapata tamén noutras cousas, como a primeira longametraxe de ficción lusa nos últimos vinte anos, Os demónios do meu avô, dirixida por Nuno Beato, en stop-motion e coa participación da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), da Xunta e da TVG. Catro anos de traballo para narrar unha historia de regreso ao medio rural, unha aldea abandonada entre Bragança e Ourense. A cinta, que xa está rematada, estrearase este mesmo ano.
Traballan ademais nunha serie para Disney na que están implicadas as televisión públicas portuguesa e española en coprodución con Brasil, cun guionistas galegos e un equipo de deseñadores da Coruña: O diario de Alice. Son 52 capítulos curtos distribuídos en dúas temporadas.
«Estamos nunha segunda idade de ouro da animación galega, que provén daquel xermolo de Dygra e Bren Entertainment (selo de animación de Filmax), do éxito de El bosque animado. Sentirás su magia (2001), a primeira longa de animación íntegra en 3D feita fóra de EE.UU. Este é o segundo boom, superada esta fonda crise, un rexurdir despois de dez anos moi duros», argumenta o cineasta galego.
Cre que é posible facer animación en Galicia, pero hai que ter en conta na valoración, lamenta, os tímidos apoios que teñen. En Cataluña só para animación, subliña, a Generalitat destina unha partida de sete millóns de euros. «En Galicia non hai un orzamento pechado. Competimos en suposta igualdade de condicións co cine de autor, o cine comercial, a televisión…», explica Zapata.
Por exemplo, no 2021, Zapata, coa produtora Sygnatia, que promove Chica y lobo, o filme sobre o cómic de de Roc Spinet, que el mesmo dirixe, a citada serie para Disney e outra serie de animación de Filmax, coparon, lembra, a terceira parte do orzamento da Agadic para o sector audiovisual.
«Demandamos un programa de financiamento específico porque son moi específicas as circunstancias e necesidades da animación, os seus condicionantes técnicos son moi distintos. A competencia aberta, tal e como está formulada, non é xusta. Depende da boa vontade da Xunta e da sensibilidade cara a animación que teña o xurado desa volta», critica.
Precisan fondos específicos como en Francia, como en Cataluña e como en Valencia. «Sen isto -incide- non hai continuidade posible. A debilidade competitiva fronte a outros mercados é flagrante. Resulta imposible consolidar unha industria, un estudio de animación. Nós temos plan de traballo deseñado ata 2025… Tería que estar así pensado desde O bosque animado, pero seguimos agardando. Estes dous goyas deberían axudar a favorecer estes cambios normativos», insiste Zapata.
Tanto o de Chelo Loureiro como o del, di, explícanse pola primeira idade de ouro: «Somos fillos daquela primeira onda, a de Dygra. Hai moitos traballando que veñen daquela época, moi valiosa pola experiencia e as vocacións que forxou», enxalza. De feito, a maioría destes estudios concéntranse na Coruña, porque foi aí onde naceu e medrou Dygra, ao redor de Manolo Gómez. Hai que aproveitar estes momentos doces para cimentar a continuidade, advirte o realizador, senón todo queda «nunha flor dun día, en triunfos puntuais». «E non debemos esquecer que Alberto Vázquez é o mellor creador de animación de autor de toda Europa. Iso non se debe desbotar. Precísase unha certa seguridade e continuidade para traballar», conclúe.