Micaela Misiego
Cultura
15 Feb 2022. Actualizado a las 05:00 h.
O Dicionario da nova literatura galega, editado hai meses por Xerais (pero elaborado en 1969), contén un nome que, para moitos, é o dunha escritora moi interesante: Micaela Misiego Llagostera (Barcelona, 1925-2010). Estamos, como prosista en lingua galega, ante unha escritora alóglota (ou alófona, como se vén dicindo desde 1993).
Foi profesora de inglés na Facultade de Letras de Santiago nos anos sesenta, onde coñeceu a Ramón Piñeiro, que non tardou en animala e axudala no seu achegamento á cultura literaria galega. En realidade, chovía sobre mollado: a mesma profesora Misiego recoñece, en carta ao autor do Dicionario, que os seus «primeiros escritos en galego datan do intre en que os Santamarina introduxéronme no mundo de Piñeiro e do Grial». Trátase de dous ilustres exiliados que eran, como ela, profesores en universidades estadounidenses: Leonardo, de Filoloxía Hispánica, e Enrique, veterinario, de Patoloxía Animal. É mágoa que estes dous transterrados, nados en San Martín de Suarna (A Fonsagrada), non teñan suscitado algún traballo (De Enrique hai, na biblioteca Penzol, cartas valiosas a Piñeiro, algunhas sobre o infortunado lingüista Aníbal Otero). A propia Micaela Misiego, na carta citada, confesa: «Os meus primeiros escritos foron traducidos por Piñeiro... Agora escribo eu en galego e xeneralmente Piñeiro o le antes de mandalo a Galaxia».
Ramón Nicolás, prologuista e anotador do Dicionario, ofrécenos datos útiles sobre a bibliografía galega da escritora, autora, entre outros artigos en galego, de 12 publicados na revista Grial desde 1968 a 1972. De feito, Micaela Misiego, especialista en inglés antigo, foi escritora trilingüe: catalán, castelán e galego. Nas respostas ao inquérito de 1969 afirma que Joan Maragall e Thomas Wolfe son os escritores que máis influíron nela; tamén afirma que os catro escritores galegos (contemporáneos) que máis lle interesaban eran Domingo García-Sabell, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e Antón Tovar. De García-Sabell salientaba os seus Ensaios. Esta alóglota, en 1969, botaba de menos unha boa gramática galega e un bo dicionario.