Arcadio López-Casanova, a espiral infinita
Cultura
O crítico Ramón Nicolás lembra o poder da palabra do poeta lugués, o seu rigor intelectual e a súa capacidade como mestre
12 Apr 2022. Actualizado a las 05:20 h.
Gocei da fortuna de ser alumno de Arcadio López-Casanova a comezos dos 90 na Universidade de Santiago de Compostela. Tratábase dun intenso curso de doutoramento monográfico —catro horas vespertinas ao longo dunha semana— que impartiu sobre a poesía galega do século XX no cal aplicou ferramentas de análise crítica para min descoñecidas e absolutamente infrecuentes na Facultade de Filoloxía naquela altura. A memoria tráeme a seguridade e mais o rigor que depositou nas exposicións; tamén o abraio que carrexaba a descuberta de novos ángulos desde os que abordaba os nosos textos poéticos. Algúns deles sistematizaríaos en numerosos libros entre os que destaco só o fundamental No texto do poema. Unha proposta teórica e metodolóxica sobre exemplos líricos galegos (2020).
Agradecín a fortuna de asistir a aquel curso porque me permitiu coñecer e valorar a súa brillante dimensión como docente á par da solvencia e solidez do seu discurso analítico mais, ao mesmo tempo, aqueles frutíferos días posibilitaron intercambiar ideas sobre a poesía con alguén que xa gañara, por dereito propio, un lugar imperecedoiro nela, polo que houbo antes e despois dos seus Mesteres. Fóra do espazo académico entretecía argumentos propios do teórico, mais tamén do poeta que era, estes coa incomodidade que lle xeraba falar da súa propia produción. O seu falar era calmo, meditado: construía de maneira natural unha espiral infinita do saber, sempre rica en matices e ideas.
Durante ben de anos sempre era unha regalía recibir envíos seus desde o «País valenciano», como lle gustaba escribir. Libros acompañados de xenerosas dedicatorias e que un recibía sen presión e coa gratitude do autor polo simple feito de facerlles un oco na miña biblioteca. Ben certo é que nos últimos anos tanto os contactos telefónicos como o diálogo epistolar foron esmorecendo e probablemente o derradeiro contacto foron as respostas, igualmente luminosas, a unhas preguntas que lle formulei sobre o poeta Manuel Luís Acuña e que, coma sempre, contestou amable e rapidamente. Onte relinas á mañá logo de que un amigo me dera un exemplar das Actas do V Congreso Manuel Luís Acuña (2021) sen imaxinar que, horas despois, escribiría este artigo.
Da súa presenza quédanos o que coñecemos e, claro é, a súa obra poética: un traballo coidado ata o extremo, plural e vizoso, inserido nunha dinámica sempre evolutiva e concibido con ansia de perdurar. Imposible non pechar esta evocación cos versos do poema que dan cabo ao seu Do tempo posuído (2003) e que hoxe cobran unha resignificación completa: «Rendido o corazón chégase a hora / de regresar á estancia aínda acendida; / de recoller o pranto, a compartida / palabra que vos din ata o de agora». Sempre coa palabra: grazas por tanto e bo regreso, Arcadio.