La Voz de Galicia

Alvarellos publica «En las orillas del Sar» en rigorosa e moi coidada edición facsimilar

Cultura

H. J. P. Redacción / La Voz
Detalles do retrato de Rosalía realizado nos estudios Sellier e da portada da edición facsimilar de «En las orillas del Sar».

14 Jun 2022. Actualizado a las 22:37 h.

O lector xa pode dispor en papel dos derradeiros poemas de Rosalía de Castro (Conxo, Santiago, 1837-A Matanza, Padrón, 1885) tal e como se publicaron en 1884. Reproducindo un exemplar que custodia a Real Academia Galega, o selo compostelán Alvarellos vén de levar ás librarías a primeira edición facsimilar venal de En las orillas del Sar, un poemario escrito integramente en castelán pero que non é, como se ten dito, unha obra testamental de renuncia —con todo o desencanto que agroma nas súas páxinas—, senón unha reafirmación da súa defensa da cultura galega, un fito non só literario, tamén histórico-político. Hoxe sábese que é unha das máis importantes achegas á literatura en castelán no século XIX, incluso situada por riba de Bécquer, cunha linguaxe sen solemnidades e posta ao servizo dunha voz intimista, do eu da poeta.

Malia todo iso, como lembra María do Cebreiro no limiar que escribiu para esta edición, o protagonista do volume é un río, o Sar, que atravesa e baña «as que acaso sexan as tres paisaxes máis decisivas da biografía da autora: os campos de Cornes, o Val da Maía e a Veiga de Padrón», aínda que foran Santiago e Conxo —entón, concellos independentes— os lugares «nos que espertou ao amor, á literatura e á política, que para ela foron case a mesma cousa».

Máis que por quedarse no puro existencialismo, María do Cebreiro está por profundar nas «implicacións do vínculo entre a natureza e a historia» ás que é sensible Rosalía neste poemario. As árbores, di, non só acompañan, contemplan, o devir da vida que simboliza o río, son testemuñas dun acontecemento que ela «nunca esquecerá»: o banquete democrático do 2 de marzo de 1856 en Conxo, «uns tolos», para unha grande parte da sociedade compostelá, que, como a escritora, crían na utopía. Unha revolución, di a prologuista, que avogaba por que os seres humanos, en nome da xustiza, «liberaran o seu destino das determinacións de nacemento».

Rosalía, afirma Do Cebreiro, emerxe neste libro, sobre todo, como «unha das primeiras poetas ecoloxistas de Europa» en canto que logra «non tanto defender a natureza como escoitar e traducir a súa voz á linguaxe humana».


Comentar