Francisco Fernández del Riego: o reconstrutor da Galicia do futuro
Cultura
«Eu creo que xa fixen de todo», dicía nunha das súas derradeiras entrevistas. Porén, aínda faltaba que a Real Academia lle dedicase o Día das Letras Galegas sesenta anos despois de que el mesmo o impulsara
10 Jul 2022. Actualizado a las 10:13 h.
«Eu creo que xa fixen de todo. Fun das Mocidades de Galiza, do Partido Galeguista, non me beneficiei de nada e nunca tiven un posto público (pagado, digo)». Falaba así nunha das súas derradeiras entrevistas, 95 anos, visitando a biblioteca de cotío - «vou polas mañáns, luns, martes e mércores»-, lupa en man, as gafas postas e o cigarro aínda aceso. E porén, quedáballe algo por facer, abofé. Quedáballe isto.
A Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010) quedáballe aínda ser o protagonista da festa da palabra que el mesmo impulsou en 1963, cando este país comezaba, paseniño, a retecerse. A coser de novo as teas que a Guerra, e logo a represión, e logo a ditadura, guindaron nun faiado, apachocadas como farrapos, con arelas de esquecemento que, malia todo, nunca se satisfixeron.
Galicia vive. Francisco Fernández del Riego, ou Paco del Riego, ou del Riego, ou don Paco, ou só Paco, encetaba un artigo sobre o movemento escolar galeguista cunha frase que había acompañalo no camiño andado, un percorrido de nada menos que 97 anos. Galicia vive porque ten unha aspiración e unha obra de vida. E Galicia vive, sobre todo, porque Paco del Riego teimou en remendar un país tronzado. En reconstruír a cultura galega, en desempoar a lingua que arrebolaran no faiado.
Era 1935 cando Del Riego chamaba a traballar e soñar vieiros salvadores e, coa máquina na que petou toda a vida -«anque non vexo coñezo ben o teclado de oficio. Ás veces equivoco unha letra e sae un popurrí do demo», dicía no 2009- tamén a non desistir, a non interrumpir nin un só intre os propósitos de logran a galeguización dunha universidade que xa o acubillaba como docente.
Foi aló (foi acó), en Santiago, no Paraninfo da USC, onde un don Paco de vinte anos -«empecei a actuar publicamente con 16»- pronunciou o primeiro de outubro de 1933 un discurso de apertura de curso que aguilloou as conciencias do alumnado. Foi aló (foi acó) onde rematou os estudos de Dereito nunhas aulas, nunhas rúas aínda republicanas polas que canda el, camiñaban un fato de mozos que habían de erguer tamén os alicerces desta Galicia que hoxe se mira no seu espello: Luís Seoane, Maside, Domingo García-Sabell e tamén Ricardo Carvalho Calero.
«É posible que fose a xeración de estudantes máis importante, en moitos aspectos, que tivo a Universidade galega». Falaba así n'Unha ducia de galegos Luís Seoane daqueles anos previos a un golpe de estado que tamén rematou coa carreira docente de Paco del Riego: «A min, prohibíronme[...]. Inhabilitáronme para o ensino e para todo. E tiven que recurrir a oficios de todo tipo».
E porén, daqueles anos de baleiro nos que Francisco Fernández del Riego pasou a ser Salvador Lorenzana - «antes o meu nome estaba prohibido e non podía escribir nos periódicos»- deses tempos de exilio e silencio, rematou por agromar unha xeración que, recollendo o testemuño acalado da xeración Nós, había de facer da cultura unha arma cargada de futuro. Dos maxíns de Ramón Piñeiro, Xohán Ledo e Xaime Isla Couto e Paco del Riego abrollou un dos maiores buques culturais deste país, que aínda continúa a súa singradura: a editorial Galaxia e, canda ela, a revista Grial. E tamén a Fundación Penzol, da que termou 46 anos. «Traballando nunca me aburro».
Aínda non o fixera todo aquela notiña de novembro do 2010, cando os teléfonos comezaron a soar anunciando o seu pasamento: «Soño unha Galicia ideal que no meu tempo non se realizou, pero que pode realizarse no futuro». Quedáballe isto a un dos reconstrutores da Galicia do futuro. Que a Real Academia Galega, a institución na que ingresou nos 60 e que presidiu entre 1997 e o 2001 escollera a Francisco Fernández del Riego, Paco del Riego, Del Riego, don Paco ou só Paco, como figura das Letras Galegas 160 anos despois da publicación de Cantares Gallegos.