La Voz de Galicia

Xosé Ferreirós, gaiteiro de Milladoiro: «Seguimos emocionando, igual que os Rolling Stones ou Paul McCartney»

Cultura

CARLA VARELA /  A CORUÑA / LA VOZ A. A. A CORUÑA / LA VOZ

O mítico grupo de folk, que leva activo dende o ano 1979, actuará este domingo na Coruña

26 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.

O grupo Milladoiro leva activo máis de corenta anos e traspasou fronteiras co seu folk baseado na tradición musical galega. Este domingo a banda actuará ás 21.30 horas no parque de Santa Margarida na Coruña. Un dos seus integrantes históricos, Xosé Ferreirós (Santiago, 1953), repasa a súa traxectoria musical.

—Como recorda os momentos de maior éxito da banda?

—A banda, por sorte, tivo éxito sempre. Máis ben recordo lugares que significaron moito para nós. Podo mencionar, por exemplo, a catedral de Saint John the Divine na cidade de Nova York, a Biblioteca do Congreso en Washington ou mesmo cando viaxamos a Xapón. Considero que todos os sitios nos que tivemos o pracer de tocar foron e seguen sendo de éxito.

—Cal é o tema do que está máis orgulloso?

—Levamos máis de corenta anos tocando. Compuxemos 25 ou 26 gravacións e fixemos música para películas e exposicións. Non podo elixir un tema porque hai demasiados. A música tradicional é a base do noso traballo. Son moitos anos e é unha traxectoria moi longa na que hai de todo.

—De que maneira inflúe o público nos concertos do grupo?

—O público sempre o deu todo nas nosas actuacións e o máis importante é que vibran con nós. Para que a xente o sinta desa maneira, a clave está en ofrecerlles algo no que ti mesmo cres. E a verdade é que iso o grupo sábeo facer moi ben. Hoxe moitos artistas crean os seus espectáculos a raíz de algo que está de moda, pero non porque crean realmente no que están facendo. Aí é onde fallan.

—Evolucionou o tipo de público que acode aos concertos?

—Cando a túa carreira vai para corenta anos, as cousas mudan. Ao longo deste tempo, sumouse ao noso público xente que non estaba ao principio. Niso consiste a moda. A nosa pretensión é estar coa xente que desfruta dos nosos temas e da música tradicional galega. Por este motivo nunca nos levamos ningún tortazo. A participación da xente nos concertos sempre foi maioritaria e iso non é unha presunción.

—Como foi colaborar con grupos internacionais como The Chieftains e saber que a música de Milladoiro sae das fronteiras de Galicia e España?

—Nós nunca buscamos facer colaboracións. Sempre que traballamos nalgunha foi porque con ese tipo de xente tiñamos algo en común. Tocamos con Stivell, The Chieftains ou Paul Winter, entre outros moitos artistas. Traballamos con xente que a nivel internacional tiña un nome. Foron colaboracións que xurdiron non por unha necesidade de mercado, senón porque coincidimos en festivais e formamos grandes amizades. Sen dúbida, nunca houbo unha cuestión de márketing de por medio, máis ben foron todo traballos espontáneos.

—Esperaba seguir activo musicalmente despois de tanto tempo?

—Cando comecei non o pensaba, pero despois de tantos anos e de conectar co público desta maneira, podo dicir que si. Despois de todo este tempo, subímonos ao escenario coa mesma ilusión. A esperanza niso non muda. O único que nos preocupa é pasalo ben aí arriba e que a xente que estea abaixo participe. E tivemos sorte. Incluso coa xente de fóra de Galicia, como aconteceu a semana pasada en Huelva. A xente vibraba coa nosa música e nós non temos nada que ver cos andaluces.

—Que espera do grupo nos próximos anos?

—Por agora síntome con forzas para seguir traballando na música. Mentres a xente non diga o contrario, seguiremos no panorama musical. Seguimos emocionando, igual que os Rolling Stones ou Paul McCartney. Eles están aí porque o que propoñen gusta. Iso pásanos a nós.

—Cre que os artistas máis novos están a interesarse por facer un labor de recuperación da tradición musical galega, coma Milladoiro?

—Vexo propostas, pero sempre serán o tempo e o público os que decidan se deben permanecer. Cando nós comezamos, non sabiamos o que ía pensar a xente. Eramos unha revolución, a única seguridade que tiñamos era que nos gustaba e iso era suficiente. O público identificouse coa nosa música, sentíaa como súa.


Comentar