La Voz de Galicia

Luz Méndez: «Atentar contra a toponimia é como atentar contra un monumento»

Cultura

Tamara Montero Santiago / La Voz

«Os nomes das entidades de poboación, por lei, son nas respectivas linguas oficiais. O que é feísimo é ir a casa de alguén a impoñerlle como ten que dicir os seus nomes»

24 Sep 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Na sétima xornada sobre onomástica que organizaba a Real Academia Galega, o tema foi o nome de Santiago. «A principal conclusión foi que Santiago foi a primeira marca comercial de Galicia no mundo», explica Luz Méndez (Ventosa, Agolada, 1965), presidenta da Asociación Galega de Onomástica e organizadora do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, que estes días indaga sobre como esa primeira marca deixou pegada na toponimia europea.

—Entre outras cousas, rompeuse o tópico de que Compostela vén de Campus Stellae, esa lenda que prevaleceu.

—Curiosamente, a toponimia aparte de ser unha ciencia que estuda a orixe das palabras, de onde vén, cal foi o seu significado primixenio e como se alterou, ás veces e tamén ten esa parte etnográfica de como a xente reinterpreta os significados e monta lendas arredor deles. O de que Compostela vén de Campus Stellae é unha lenda moi espallada que xa se tirou por terra cientificamente dende hai moito tempo pero que cómpre lembrar sempre, porque canto máis rara é a explicación dun nome de lugar máis lle atrae á xente, cando ás veces as cousas son o que parecen ser. Por exemplo, falemos dun sitio que se chama Outeiro. Todo o mundo sabe o que é un outeiro, pero se explican que vén da palabra altar porque aí había un altar a uns deuses, a xente tende a crer máis a lenda. Gústanos máis a fantasía que a realidade moitas veces [ri].

 —Investigar sobre a toponimia é algo así como un labor de arqueoloxía inmaterial, un camiño tamén cara ao noso pasado?

—Aparte da vertente científica da filoloxía, a toponimia danos moitísima información sobre outros aspectos, non só lingüísticos. Danos información sobre o aproveitamento do territorio. Danos información etnográfica, porque nos conta como era a xente que vivía alí. Por exemplo, se os nomes son moi agrícolas é que a xente que vivía alí era labrega. Tamén nos fala sobre as maneiras de habitar o territorio, como Estrada ou Casal. Danos información sobre botánica, sobre que se cultivaba nun territorio. Se un sitio se chama Os Trigais e non hai campos de trigo, cóntanos que antes a xente sementaba trigo e agora non, ao mellor está a monte, hai prados ou hai un sitio habitado. A toponimia é un mundo, global. Permite unha recollida de etnografía e de folclore. Por exemplo, saber como a xente utilizaba as cántigas para orientarse no territorio: Vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela. Ten moitísimas vertentes.

—Semella que sirve para abrir vieiros de investigación noutras disciplinas. O máis sinxelo: escavar nun lugar que se chama Castro.

—O estudo da toponimia é o estudo da historia desa palabra, e dentro da historia hai moitisimas cousas que aprender: dende cando se documenta por primeira vez, se en documentos medievais aparece... Santiago todos sabemos que ten unha longa historia, pero por exemplo, se a túa pequena aldea, que é Santiso de Abaixo, aparece nun documento do século XII ou XIII, entón podes dicir que vives nunha pequena aldea que ten tantos anos como Compostela.

—Pero é algo tan cotián que a xente non pensa na toponimia.

—É moi interesante, non pensamos no que significa o nome dun sitio e é porque se converte en nome propio. Os nomes propios simplemente designan unha cousa pero non intentan definila ou explicala como un substantivo ou un adxectivo. Se digo «Ourense é a vila que máis me gusta de Galicia», con Ourense dou un punto de referencia.

—«Ourense» non describe Ourense.

—Exacto. No momento no que un nome de lugar se converte en nome propio perde ese significado, porque pasa simplemente a designar. Por iso a xente non o pensa. Nos documentos antigos, o uso das maiúsculas e as minúsculas non é coma hoxe e as palabras comúns, como castro, outeiro, prado, estrada, non se sabe moi ben se é xa un nome de lugar ou se che está falando do sitio.

—A RAG ten un proxecto de conservación da microtoponimia. Cando se perde, vaise perdendo un anaquiño da nosa identidade?

—Efectivamente. Estamos perdendo a nosa historia. A persoal, porque a microtoponimia é útil nun pequeno espazo, porque evidentemente se non vives nun sitio non recoñeces nin sabes os nomes, e tamén  a historia colectiva, porque a maioría dos topónimos repítense, pero logo hai pequenos nomes de lugar con historias preciosísimas, con palabras perdidas e moi interesantes. Se a xente que as coñece porque se move por aí morre e os seus fillos xa non traballan a terra da mesma maneira, xa non se desprazan igual e mesmo non viven aí, porque todos tendemos a ir ás cidades e aínda que volvas non necesitas orientarse da mesma manera, todo iso pérdese. E pérdese unha riqueza moi importante, patrimonio inmaterial. De feito, a toponimia está na Lei de Patrimonio Inmaterial recollida como un dos bens a preservar.

—Hai victorias, como o de que prevalecera o topónimo Xuxán sobre o de Ofimático na Coruña.

—É moi habitual que as administracións, os concellos, que son os que teñen a potestade de poñer os nomes nos centros urbanos, tiren de nomes de repertorio: nomes de científicos, mulleres, flores, países de Europa... sen preocuparse en saber que nomes teñen os sitios. É como se pensaramos que detrás de nós non houbo ninguén e que somos os primeiros en poñerlle nome aos sitios. Non son conscientes de que están destruíndo todos os nomes que quedan por debaixo. Esquecen e deixan sepultados un montón de nomes que logo é moi difícil recuperar. É como se tiraramos a Catedral de Santiago, fixeramos un edificio novo e o bautizaramos. Gonzalo Navaza dío sempre: atentar contra a toponimia é como atentar contra calquera outro ben do territorio. É como tirar a muralla de Lugo para facer outra cousa. É como atentar contra un monumento. É o noso patrimonio e forma parte da nosa historia. É o traballo colectivo de toda a sociedade que viviu antes de nós.

—Hai un proceso que leva séculos en marcha, a castelanización dos topónimos, como ese Sangenjo.

—A finais da Idade Media substituiuse toda a rede notarial e obrigouse a escribir en castelán, porque se centralizou o estado. Moitas veces, debaixo desas grafías, sobre do século XVI e XVII, aínda están as formas galegas. Déronse unha serie de cambios na lingua, as grafías seguían sendo como as antigas e reflectían unha fala case medieval, pero logo o xeito de falar foi cambiando, adaptándose as grafías e substituíndo os nosos nomes e alterándoos. A partir do XVII e do XVIII empezou a alterarse moitísimo a toponimia.

—Aínda hoxe hai quen reclama formas castelás para topónimos galegos.

—As culturas maiores sempre acaban arrasando sobre as máis pequenas. Todas as linguas tenden a adaptar os topónimos ao seu, ninguén se cuestiona volver dicir London. Cando se aprendeu o nome xa foi con distintas variantes en distintos países. O proceso é complicado. A isonimia existe. Os especialistas en toponimia ou en nomes de lugar, e a ONU ten un comité de expertos, recomendan que se reduzan, que cando se usen os nomes dos outros sitios se respecte a forma orixinal, sobre todo cando é en divulgación pública. Se eu me dirixo a un foro internacional, por deferencia o lóxico sería que en galego escriba Londres e entre parénteses poña o nome orixinal, sobre todo por respecto. En España o problema é particular, porque é un estado multilingüe que en principio debería respectar as distintas linguas. Os nomes das entidades de poboación, por lei, son nas respectivas linguas oficiais. O que é feísimo é ir a casa de alguén a impoñerlle como ten que dicir os seus nomes [sorrí].

 

Compostela, lugar santo destacado nos mapamundis medievais 

O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño clausurouse onte despois de tres intensas xornadas arredor dos nomes de lugar das rutas xacobeas. A mañá arrincou coas investigacións de tres referentes europeos: Elena Papa e Alda Rossebastiano, profesoras da Università di Torino, e Pierre-Henri Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique de Francia. O programa continuou coas achegas dende o Instituto Geográfico Nacional. Marcos Pavo López, do rexistro central de Cartografía, amosou a pegada de Santiago e o Camiño nos mapamundis medievais, que é mesmo anterior á aparición do culto xacobeo na Península.

«Nos mapas chamados beatos, polo nome do seu autor orixinal, Beato de Liébana (século VIII), a tradición da predicación de Santiago en Hispania xa se manifesta tanto textual como graficamente. Tras a inventio ou a descuberta (anos 814-830), outros mapas incorporaron referencias xeográficas moito máis precisas, situando os restos de Santiago o Maior concretamente en Compostela», detalla. É o caso do beato do Burgo de Osma (1086), que ilustra tamén o Camiño de Santiago. Máis adiante, a catedral aparecerá destacada xunto ao nome do apóstolo e outros topónimos galegos, como Galicia ou o Miño, en famosos mapamundis doutros puntos de Europa, como o de Sawley (XII-XIII), o de Ebstorf (XIII), o de Hereford (1290) ou o da abadía de Ramsey (1350). «Isto demostra a relevancia do Camiño de Santiago e de Compostela como lugar de peregrinación á altura de Xerusalén e Roma. A transcendencia do culto xacobeo é tal que mesmo traspasa a barreira cultural do cristianismo, e é recollido no tratado xeográfico e mais no mapa do cartógrafo musulmán de orixe ceutí Al Idrisi (1154)», concreta o enxeñeiro.

 


Comentar