Xesús Piñeiro: «Castelao fixo da súa arte unha arma para loitar socialmente»
Cultura
A nova obra do escritor eumés recolle os anos de formación artística do intelectual rianxeiro
30 Sep 2022. Actualizado a las 05:00 h.
O novo ensaio de Xesús Piñeiro Castelao, plástica e pensamento 1903-1916 trata sobre os anos de formación artística do xenio rianxeiro, e insiste en desmontar certas ideas preconcibidas do galeguista, como que a súa primeira etapa artística foi conservadora. Piñeiro aborda a figura de Castelao dende a admiración e o achegamento á súa evolución: ve nel unha persoa con ideas móbiles, un ser que se desenvolve e cuxas distintas facetas van da man dese espallamento de coñecementos.
A presentación do libro publicado por Galaxia, a cargo do propio Xesús Piñeiro (Pontedeume, 1947), tivo lugar este xoves na sede da asociación Artábria. A entidade cultural de Ferrol acolleu un coloquio entre o autor do texto e o seu prologuista, Xosé Manuel Pazo Blanco.
Piñeiro estudou primeiro Maxisterio e máis adiante Historia da Arte. Exerce como mestre á vez que compaxina este labor coa súa vocación de crítico artístico e historiador de arte. De feito, por moitos anos foi colaborador de A Nosa Terra como crítico de arte e publicou A paisaxe da nación. Ideoloxía en imaxes da pintura galega de 1912 a 1930 (Deputación da Coruña, 2017), obra centrada no nacemento da pintura de paisaxe, expresión plástica do xurdimento do nacionalismo nese período.
Piñeiro entrelaza neste libro a obra e o pensamento dunha das figuras máis importantes do país. Tamén desmonta o mito explicando que Castelao comezou a formarse como artista nunha época efectivamente conservadora, e que a arte daquel entón era costumista. «Salvando a Sorolla, o resto dos artistas eran costumistas: costumistas do Estado español, na súa maioría», matiza.
«Castelao estaba no mundo», di nun recente artigo o escritor ferrolán Henrique Dacosta. Por iso, Castelao mira non só da obra de Pardo Bazán ou de Valle-Inclán, senón que tamén viaxa a outros países e se deixa influír polo realismo francés de Daumier e de Courbet, este último pintor dos obreiros e das mulleres reais. Na biblioteca de Castelao, explica o escritor, atopáronse moitos tomos sobre pintura, tamén revistas internacionais sobre arte.
Introdutor do realismo
O rianxeiro escolleu correntes en función do público ao que se quería dirixir, e iso obrigouno a abandonar o costumismo polo realismo. Faloulle a un país ruralizado, que non casaba coa vangarda europea daquel tempo. Piñeiro, como outros moitos autores, sostén que foi o introdutor do realismo en España, pois os primeiros realistas recoñecidos son da década dos anos 20 do século pasado, mentres que a el se lle coñecen pezas dos anos 10.
«El fixo da súa arte unha arma para loitar socialmente», conta Piñeiro para engadir: «O que fai é caricatura, óleos... Castelao bebe disto xa en América, na pulpería que rexenta seu pai na Arxentina mentres lía a revista Caras y caretas dirixida por Xosé María Cao».
Sepárase máis tarde da caricatura propia do seu tempo porque se baseaba en explotar defectos físicos. «El dáse conta de que para a intervención social era bo usar o humor». O intelectual galeguista viviu unha Galicia que esmorecía, «que perdeu a nobreza e a fidalguía», como lembra Piñeiro.
O pai do nacionalismo galego converteuse no elo necesario para conquistar o rol relevante do que a Xeración dos Novos gozou dentro da arte europea, e foi dos poucos que soubo ver o papel do realismo na arte e que pelexou a contracorrente para superar o costumismo.
O novo libro de Xesús Piñeiro ten a intención de poñer de relevo o papel da época que viviu Castelao e a súa influencia no modo de ver e de debuxar a realidade que tiña o creador rianxeiro.