La Voz de Galicia

María Casares e Sabela Hermida

Cultura

Xesús Alonso Montero

28 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Fanse cen anos do nacemento da extraordinaria actriz María Casares (A Coruña, 1922 ? Alloue, 1996), honra e gloria da escena universal. Foi, á beira do escritor francés Albert Camus (1913-1960), musa e actriz do existencialismo. Sobre todo isto, ilústranos o libro María Casares fronte ao espello (Xerais), obra de Sabela Hermida (Vigo, 1979), actriz, licenciada en Filosofía e Arte Dramática. Xa defendera, con éxito, unha tese de doutoramento en 2013.

Sabela Hermida, que está moi dentro do discurso literario galego, dedícalle un valioso e moi documentado capítulo á relación da actriz con Galicia, pois non só foi a eximia protagonista de obras esenciais de Valle-Inclán (Comedias bárbaras, Divinas palabras), en francés e en castelán, senón que fixo numerosas incursións, como recitadora de poetas galegos, en Radio París no Día de Galicia (25 de xullo). A Curros Enríquez, seica o seu poeta preferido, recitouno en Bos Aires no ano 1957, recital do que se conserva a gravación. Alí coñeceu a dona Virxinia Pereira, viúva de Castelao, á que convenceu, non sen esforzo, para que fose ao teatro Colón a unha representación súa. Nese día, dona Virxinia, de loito desde había oito anos, rompeu coa formalidade tradicional que a impedía acudir a encontros de esparexemento. No libro hai fotos moi elocuentes da actriz galega con dona Virxinia, sempre acompañadas por importantes nomes do exilio galego, entre eles Luís Seoane, Rafael Dieste, Eduardo Blanco-Amor e Ramón de Valenzuela.

Na Arxentina, en Francia ou onde fose, María Casares representaba, co máximo decoro, alén da súa profesión, a dignidade do exilio español e da causa republicana. Por iso, a intelectualidade galega e doutras terras de España honrou e agarimou, naquel conmovedor 1957, á ilustre visitante, filla de Santiago Casares Quiroga, que fora, en 1936, presidente do Goberno republicano. Ela, María Casares, chegara ao exilio francés con catorce anos.

Este libro de Sabela Hermida, froito da investigación e de moitas lecturas, é tamén un manual moi útil para os lectores pouco familiarizados coa ilustre exiliada galega.


Comentar