Guzmán e Comp.ª, S.A.
Cultura
04 Nov 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Debo informar de que a Fundación Otero Pedrayo publicará, en breve, o epistolario Ramón Otero Pedrayo / Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), que será, sen dúbida, un volume cobizado por historiadores e outros eruditos e do que gozarán os devotos da arte epistolar.
Era decembro de 1944, un tempo no que tirios e troianos sabían, en España, que os aliados serían os vencedores da Segunda Guerra Mundial e que a derrota do nazi-fascismo afectaría moi gravemente ao réxime de Franco. Pois ben, nesa situación, os partidos políticos (clandestinos), moitos inactivos desde 1936, entre eles, o Partido Galeguista, deciden volver ao combate político para, xa derrocado Franco, teren un posto na España posditatorial. Ano e medio antes, os galeguistas reconstituíran o partido e, nesa xuntanza clandestina, foi nomeado secretario político Ramón Piñeiro, quen, por esas datas, operaba en Madrid con outros galegos (Fermín Penzol, Evaristo Mosquera...) e onde un dos do grupo, Fernández-Oxea, escribíralle a Otero Pedrayo comunicándolle que o 16 de decembro Piñeiro viaxaría a Ourense para entrevistarse con el.
Na carta do día 14, na que don Ramón acepta moi gustoso o encontro, tamén lle fai saber ao «irmán» madrileño que xa sabía «dos asuntos de Piñeiro e dos negocios de Guzmán e Comp.ª polo noso amigo o arquitecto vigués [Manuel Gómez Román] e por outras referenzas». Di máis. Adianta que está «disposto a traballar na Empresa gardando a independenza compreta, pois, polos meus anos e traballos, soio me compete un posto de letrado asesor ou cousa semellante na S.A. que se proieuta».
Estamos ante unha carta do xénero clandestino, constituída por expresións crípticas como «Guzmán e Comp.ª», metáfora por Partido Galeguista, por certo, doada de entender pola policía especializada na violación, ilegal, da correspondencia. En calquera caso, cómpre ter en conta que don Ramón, o señor de Trasalba, o Patriarca das Letras Galegas, en 1944, xa cumpridos 56 anos, acepta, en nome dos vellos ideais, unha responsabilidade política, por pequena que fose, non exenta de perigo (varios anos de prisión, por exemplo).