La Voz de Galicia

Cincuentenario oteriano (II)

Cultura

Xesús Alonso Montero Xesús Alonso Montero

18 Nov 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Cmo explicamos no Beatus anterior, Otero Pedrayo publicou o seu libro máis amplo e ambicioso no ano 1972, que fora premiado, en 1964, con 150.000 pesetas, diñeiro non deseñable para don Ramón, que non era, contra o que algúns pensan, un home rico. Estamos a falar da obra El adre Feijoo. Su vida, doctrina e influencias.

Que aconteceu para que un libro destas características e adornado cos loureiros dun importante premio tardase oito anos en ser editado? Polo epistolario Ramón Otero Pedrayo / Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), aínda inédito, coñecemos o calvario editorial polo que pasou o autor antes da publicación. O libro, moi pouco despois de premiado, interesou a unha prestixiosa editorial madrileña, Guadarrama, pero xa o 8 de novembro de 1965 don Ramón ten motivos de queixa: «Preguntei cando se poñen á edición do meu mamotreto de máis de 1.000 folios sobre Feijoo, aceitado fai meses, dende Abril ou San Xoán. Cando anunzaban telo á venda no Outubro nin contestan as miñas cartas nin as propostas que me pediron de ilustraciós. Falei, ou quixen falar por telefone máis de unha vez, e non está nunca o xerente cuio apelido é San Miguel. Quixera saber algo positivo. Teño dereito a elo e a editorial está comprometida. Vde., por medio dos seus moitos amigos, pode saber qué pasa. Pois vai ficando lonxe a memoria de Feixó. E eu envellecendo sin mirar comprido o meu traballo». Intolerable comportamento o da editorial Guadarrama, que foi a peor, tal como revelan outras cartas. A fins de 1968 o propio don Ramón decide ir a Madrid, pero a intervención debeu resultar inútil. Catro anos despois, a extraordinaria monografía de Otero Pedrayo será publicada polo Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo, institución creada pola Deputación Provincial para desagraviar a don Ramón e, asemade, ofrecer aos espíritos cultos unha obra que honra a bibliografía hispánica. Que eu saiba, este Instituto non publicou despois ningún outro libro. Nesta ocasión, a Deputación ourensá estivo á altura das súas obrigas culturais. Supoño que don Ramón recibiu a edición con inmensa gratitude.


Comentar