La Voz de Galicia

Marrocos

Cultura

Bieito Romero

20 Dec 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Neste mes de Nadal, xunto aos compañeiros de Luar na Lubre, volvín de novo a Marrocos grazas á colaboración entre a Embaixada española e o Instituto Cervantes. Fixemos dous concertos, un na histórica cidade de Fez e outro na tumultuosa capital Casablanca. Decidimos ir no bus que habitualmente empregamos nas nosas xiras pola Península e por Europa. Deste xeito podiamos levar todo o noso material, que viaxando en avión se vería considerablemente reducido. Fixemos o traxecto A Coruña-Alxeciras e alí embarcamos nós e o bus no transbordador ata Tánxer. Tiña curiosidade por cruzar o Estreito e vivir en directo o encontro dos mares Atlántico e Mediterráneo nese paso histórico e punto de interacción entre dous continentes de culturas tan diferentes. En Marrocos xa tocaramos hai anos, pero a viaxe fora en avión, moito máis rápida mais tamén con moitos menos matices para percibir de preto a cultura local. No bus atravesamos unha importante franxa do territorio, que no medio rural e no que se refire á paisaxe e a determinadas formas arquitectónicas non difire tanto dalgunhas partes do sur de España, como é lóxico.

Tamén fomos testemuñas da traxedia e do drama da situación e desesperación das xentes que pretenden cruzar o Estreito tentando agarrarse ou coarse nos transportes con todo o que iso supón. En Fez puidemos coñecer un anaco da fermosa e caótica Medina, onde está o espectacular curtidoiro de Chouwara que mesmo semella unha paleta de cores, cun fedor complicado de aturar, e como non podía ser doutro xeito, gozar dun xantar tradicional marroquí na súa máxima expresión. O concerto de Fez foi un vibrante encontro de culturas no que incluso o público nos agasallou cun canto tradicional de agradecemento. Casablanca acolleunos con chuvias torrenciais. Seica neste 2022 sufriron unha gran seca e a auga era recibida con bendicións aínda que tamén limitou moito os nosos movementos. Nun bistrot e ao vivo, fomos testemuñas do histórico momento no que Marrocos xogaba a semifinal do Mundial contra Francia. E no complexo cultural Sidi Belyout fixemos o concerto no que a xente cantou e bailou ao son da nosa música. Marrocos é un lugar para volver e seguir coñecendo de preto tan axiña como sexa posible.


Comentar