La Voz de Galicia

Guitarrazo de rock e teatro con sangue naval dende Narón

Cultura

patricia hermida narón / LA VOZ
Yanira Alfonsi, Luís G. Ramos e Ángel García, no local de Narón.

Xubilados dos estaleiros e mozos no proxecto escénico Celeuma

10 Jan 2023. Actualizado a las 13:48 h.

Como unha banda de rock funcionan os estaleiros da ría de Ferrol. Soldadores sacando faíscas ao máis puro estilo Eddie van Halen coa súa Frankenstrat, mecánicos tocando todas as teclas cal Ray Manzarek. Sirenas de barcos e golpes no aceiro como banda sonora da comarca. Nesa factoría traballou ata a súa xubilación Luís G. Ramos, artífice co seu fillo Iago González dos proxectos escénicos de Celeuma. Por estas escolas artísticas de Narón pasan xubilados do naval, seguindo esa paixón polo metal, pero tamén retirados de Telefónica e mozos.

Música e teatro bombean Celeuma, iniciativa que funciona dende 2011 «aínda que xa en 2000 entramos na asociación primixenia». Explica Luís G. Ramos que «a miña ocupación sempre foi facer barcos e estiven no comité de Navantia, pero esta empresa dá moito tempo libre e con 38 anos entrei no teatro» (agora ten 65). O flechazo coa escena foi ao coñecer a Roberto Leal no Ateneo Ferrolán en 1984. Xa en 1997, involucrouse no 50.º aniversario de Bazán con grupos teatrais na fábrica. E despois lanzou en Celeuma clases de teatro, música e percusión, que se ampliarán con debuxo e pintura, interpretación de voz e canto, interpretación emocional e fotografía.

Entre os alumnos chegan antigos traballadores de Navantia como Ángel García, coñecido como Gelo. Este prexubilado de 63 anos sempre tivo na música a súa segunda paixón despois da fotografía. Pero co retiro laboral converteuse na primeira. «Escoiteille a un músico valenciano que non hai nada máis fráxil que o equilibrio, cando saes do mundo do traballo atopamos moitos tempos baleiros e corres o risco de non levalo ben». Gelo xa tocaba o teclado na casa dende hai anos, a moza do fillo deixoulle unha guitarra e agora volcouse «con instrumentos tan interesantes e complexos como o baixo». Como amosan míticos como Simon Gallup en The Cure ou Ronnie Wood nos Rolling Stones, «o baixista é a segunda persoa máis importante dun grupo despois do batería».

Os alumnos de música deste grupo, con catro xubilados do naval, iniciáronse con Runaway de The Corrs e Clocks de Coldplay. Pero nun cartel colga o listado de cancións co seguinte reto, que xa tocan os mozos doutro grupo de Celeuma: Nothing else matters de Metallica.

Ata aquí tamén chegaron alumnos novos como Yanira Alfonsi de 20 anos: «Empecei no teatro no IES Carvalho Calero, fixen Bacharelato de Artes Escénicas e un FP de Imaxe e Son e aquí ensaio unha obra sobre Rosalía de Castro que se estreará en maio». Para Yanira, «o teatro foi unha revolución porque sempre fun moi solitaria e axudoume a vivir». Coincide Luís en que «os actores somos grandes tímidos». E Ángel conclúe: «Calquera inquedanza artística é unha sesión de diálese dos noso problemas, porque a estrutura sociolaboral pode romperte por mil sitios».


Comentar