Un libro recolle a historia de Fuxan os ventos, «moito máis ca un grupo musical»
Cultura
O Consello da Cultura Galega e a formación editan un catálogo cos 50 anos de traxectoria da formación
13 Feb 2024. Actualizado a las 11:55 h.
En 1972 celebráronse xogos olímpicos, pero o deporte galego aínda estaba daquela lonxe dos éxitos que foron chegando en distintas disciplinas. Naquel mesmo ano, en Mondoñedo, tivo lugar un festival da canción na que o primeiro posto foi para un grupo que habería cambiar a música galega. Así naceu Fuxan os ventos, que xurdiu co nome de Folk 72 e que acadou a fama co mesmo título da canción gañadora no festival mindoniense.
A longa historia de Fuxan os ventos recolleuse nunha exposición que se montou en Lugo, a cidade onde vivían os rapaces membros daquel grupo. No Centro Cultural O Vello Cárcere expúxose variado material, e o venres, ademais, presentouse un catálogo que recolle eses 50 anos de historia.
O Consello da Cultura Galega e Fuxan os ventos son os editores do volume Fuxan os ventos. 50 anos de historia. 1972-2022, un título sinxelo no que cabe unha vida ampla. Para a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, non hai dúbidas do papel dunha formación que «é moito máis ca un grupo musical».
A aparición dun grupo de rapaces novos que cantaban en galego cando o franquismo xa ía vello non produciu indiferenza nin eles foron alleos ao seu tempo e ao seu lugar no mundo. Rosario Álvarez, no devandito acto de presentación, referiuse a Fuxan os ventos como «proxecto artístico» e «talento musical», pero tamén como «compromiso irrenunciable coa lingua e a cultura galegas, proximidade ao pobo e aos seus problemas» e «reivindicación social».
Tamén lembrou Álvarez a estreita relación entre música e literatura que estivo presente na traxectoria de Fuxan os ventos. O grupo ten cantado cancións con textos propios, pero tamén musicou poemas de autores variados sen esquecer que unha das súas pezas máis coñecidas e cantadas (Sementeira) leva letra do xornalista Luis Álvarez Pousa.
O libro presentado onte inclúe variados textos. Un deles, con título «Ían os soños cantando», foi escrito polos membros do grupo, que explican algunhas claves dun proxecto que chegaba máis aló do musical: unha das súas principais fontes de inspiración foron xentes, sobre todo mulleres, que lles achegaron «unha cultura que, co abandono do rural, ía esvaecéndose pouco a pouco».
Marcando estilo
Se o grupo fixo historia e levou a canción en galego a calquera recuncho do país, non semella menor o seu impacto en xentes que logo seguirían tamén o camiño da música. Uxía Senlle, que escribe no catálogo, salienta que Fuxan os ventos traballou a prol da dignificación da lingua e da cultura de Galicia pero que tamén «marcou estilo, recitando e cantando con voces a coro moi ben empastadas, afinadas».
Mentres Fuxan os ventos comezaba o seu percorrido, noutros lugares había luces que chegaban ata o noroeste: no artigo titulado «Unha voz plural», cuxo autor é Xoán Manuel Estévez, sublíñase que o grupo escolleu unha expresión artística que seguía o camiño aberto en Cataluña pola Nova Cançó.
Cincuenta anos despois da estrea do grupo, de moitas cancións de Fuxan os ventos pódese dicir sen dúbida que son parte da banda sonora da Galicia contemporánea. Iso pode deberse ao que Sabela Fraga, comisaria da exposición da historia da formación, chama capacidade de xerar «un sentimento de colectividade moi forte» e de describir unha Galicia «que se mantén en pé e que latexa coa forza dun mundo novo». Fraga cre que Fuxan os ventos se mantivo fiel á súa idea orixinal nos 50 anos de carreira.
No catálogo inclúense imaxes da devandita exposición ou un mapa que sitúa as case 200 actuacións protagonizadas por Fuxan os ventos dende 1972. Á presentación acudiron tamén o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro.