De visita virtual na casa de Rosalía da man de Maruxa Villanueva
Cultura
Un avatar da actriz que coidou durante 30 anos o museo da poeta guía ao internauta no percorrido
20 Feb 2023. Actualizado a las 14:31 h.
A Fundación Rosalía de Castro segue a traballar pola difusión da figura e o legado da poeta. Este venres, con motivo dun encontro en Padrón para dar a coñecer o contido da xornada do Día de Rosalía, o próximo 23 de febreiro, no 186.º aniversario do nacemento da escritora, presentouse unha nova aplicación para facer visita virtual na Casa da Matanza. Un avatar en 3D de Maruxa Villanueva, a actriz galega que durante 30 anos coidou a casa-museo e recibía a quen alí se achegaba, seguirá agora ese labor de modo virtual e explica, no interior, tres dos espazos da exposición.
Esta iniciativa museolóxica pioneira foi desenvolvida por unha empresa galega, Orestes Comunica, que traballou da man do debuxante e animador pontevedrés Jorge Costas e cun equipo israelita de programadores especializados no metaverso.
Villanueva (A Barrela, 1906-Santiago, 1998) foi desde 1971 ata o ano do seu pasamento coidadora da Casa de Rosalía, e unha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante na Arxentina desde os 20 anos, alí converteuse nunha cantante de éxito e actriz, ademais de peza clave da cultura galega en Bos Aires, onde colaborou nas actividades da emigración.
A fundación convidou, ademais, a todo o país a festexar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un caldo de gloria e uníndose á alborada para Rosalía. O acto central terá lugar, coma sempre, ás 12 horas no Hostal dos Reis Católicos. Haberá lectura de poemas e actuación de Os Carapaus e Estela Pereira (piano) e Lía Ferrer (violonchelo), da Escola Municipal de Música de Santiago.
O cociñeiro convidado deste ano é Óscar Vidal, chef de O Pazo Asador, a primeira estrela Michelin de Padrón, que ofrecerá a súa versión do caldo de gloria (19 horas), xunto co bolo do pote realizado por mulleres de Mazaricos. Ao proxecto xa se sumaron máis de 200 locais hostaleiros e 70 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda Galicia.