«Disturbios», Kropotkin e os reloxeiros suízos
Cultura
A distribuidora galega Lost & Found trae aos cines a premiada película do cineasta Cyril Schäublin
24 Feb 2023. Actualizado a las 05:00 h.
O cineasta Cyril Schäublin (Zürich, 1984) é neto e sobriño de mulleres que traballaron nun obradoiro de reloxos do noroeste de Suíza, no que pasaron a vida fabricando a peza unrueh, palabra alemá, explica, que designa a denominada roda de disturbios no corazón mecánico do reloxo. Un labor que estaba a cargo principalmente de mulleres. Desde que estudaba na escola de cinema de Berlín xa lle roldaba a cabeza a idea de facer unha película sobre este universo e de seguida comezou a indagar a memoria familiar.
Logo chegou a lectura de A condición obreira (1951), ensaio da filósofa anarquista Simone Weil que describe o seu paso como operaria por unha fábrica de aceiro. «Intereseime moito pola vida cotiá nunha fábrica de reloxos e por como configura a experiencia do tempo da xente», di Schäublin, que anota que Weil fala da cadencia como unha presión sobre os traballadores para que cumpran tarefas repetitivas segundo intervalos de tempo que se lles impoñen e que «a miúdo non deixan espazo para os seus propios ritmos de traballo».
A terceira pata do proxecto foi a súa descuberta dos vínculos do anarquismo do século XIX coa industria reloxeira suíza, o que o levou aos escritos autobiográficos de Piotr Kropotkin nos que asegura que se fixo anarquista tras visitar un val reloxeiro suízo e o seu movemento anarquista. «Souben inmediatamente que isto debía formar parte do filme, xunto a un personaxe inspirado na miña propia avoa, unha traballadora dunha fábrica de reloxos que producía a roda de disturbios», argúe para concluír que a película, ambientada na década de 1870, e que retrata as orixes do anarquismo, tiña que armar tamén unha historia de amor.
Disturbios, premiada na Berlinale 2022 na sección Encounters, chega este venres ás salas españolas da man da xove distribuidora galega Lost & Found, creada por Víctor Paz en setembro do 2022 coa premisa de poñer no mercado filmes restaurados, recuperar películas e cineastas, «contribuíndo a escribir outra historia da sétima arte». De feito, Disturbios ofrécese nun pase dobre con Xente en domingo (1930), no que Billy Wilder retrata o Berlín da época nunha mestura de documental e ficción e traballando con actores non profesionais (como fai no seu filme Schäublin, que foi quen propuxo este título para establecer un diálogo entre ambas obras). Aínda que esa sesión dobre non será posible en Galicia, onde si se poderá ver a cinta de Schäublin en Numax (Santiago), Códex (Lugo), Dúplex (Ferrol) e o cineclub Padre Feijóo (Ourense).