Adeus a García-Bodaño, «un home comprometido con Galicia»
Cultura
Representantes institucionais e da cultura participaron na despedida
08 Mar 2023. Actualizado a las 22:57 h.
O auditorio do Museo do Pobo Galego —esa institución que el axudou a crear hai máis de catro décadas— acolleu onte a capela ardente do escritor Salvador García-Bodaño (Teis, Vigo, 1935-Lampai, Teo, 2023). Por ela pasaron ao longo de oito horas representantes de institucións de distintos eidos, tanto da Administración pública como do ámbito social e cultural, así como compañeiros escritores, ademais de amizades para darlle o último adeus a un autor que deixa no seu legado «o compromiso co seu país; é un home que desde a súa mocidade se implicou coa causa de Galicia», resaltou Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG). Ademais, salientou, García-Bodaño é «un dos grandes poetas da segunda metade do século XX [...]. Era moi esixente consigo mesmo, con esa idea de que a lingua é algo que facemos entre todos, pero que tamén é algo que nos fai a nós».
Pola súa banda, Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, subliñou a implicación coa entidade de Salvador García-Bodaño ao longo de toda a súa historia: «É un patrono fundador, participou en todas as súas actividades. Sempre foi un defensor do museo». De aí que a súa capela ardente se situase no espazo museístico, á que lle seguiu un acto final na igrexa de Bonaval. «Para nós é despedir a un dos nosos irmáns maiores, a eses cos que fomos aprendendo a amar o noso país en tempos complicados, onde remabamos a contracorrente», engadiu Freixanes.
As cinzas de Salvador García-Bodaño descansarán no cemiterio de Boisaca (Santiago) a carón do «seu grande amigo» Isaac Díaz Pardo, de Antonio Fraguas, de Aurelio Aguirre e de Ramón María del Valle-Inclán, nunha iniciativa do Concello compostelán. «Cantou como poucos a nosa cidade», lembrou a concelleira de cultura, Mercedes Rosón.