A Real Academia Galega homenaxea a Darío Xohán Cabana no Día da Poesía
Cultura
O poeta Lois Pérez converterá en canción tres poemas de quen foi un dos grandes autores das letras galegas contemporáneas
15 Mar 2023. Actualizado a las 23:17 h.
A Real Academia Galega festexará o Día da Poesía cunha homenaxe a Darío Xohán Cabana (Roás, Cospeito, 1952-Romeán, Lugo, 2021) que terá lugar na Coruña na Fundación Luis Seoane o próximo xoves 23 de marzo (ás 19.00 horas) nun acto público no que familia, amizades e outros creadores lles porán voz aos versos do escritor e académico. O poeta Lois Pérez converterá en canción tres poemas de quen foi un dos grandes autores das letras galegas contemporáneas. O público recibirá a plaquette titulada Darío Xohán Cabana, estirpe de labradores, volume coordinado pola directora da sección de literatura da RAG, Marilar Aleixandre, que reúne os poemas escolmados e os textos sobre o poeta lugués e a súa obra escritos para a ocasión polas persoas que tomarán a palabra.
Tras a apertura a cargo do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e Aleixandre, a secretaria da institución e compañeira de xeración de Cabana, Margarita Ledo Andión, pronunciará a loanza do homenaxeado nun serán que conducirá a académica Ana Romaní. Deseguido, a tamén compañeira de corporación Chus Pato e Aleixandre recitarán poemas do escritor xunto a Pepe Barro, Marica Campo, Xoán Ramiro Cuba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, María Alonso Seisdedos e mais Alexandra Cabana Outeiro, filla de Darío.
Cabana cultivou case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto coma ao máis novo, entre os que destacan Galván en Saor (1989), un dos grandes éxitos da narrativa galega das últimas décadas, aínda que comezou a súa traxectoria literaria como poeta.