Réquiem por Alonso Fontán
Cultura
14 Apr 2023. Actualizado a las 05:00 h.
O día 9 despedimos a Antonio Alonso Fontán, de Meder (Salvaterra de Miño), onde naceu e morreu (5-3-1931 / 8-4-2023). Era unha personalidade, nas Letras de Galicia, verdadeiramente singular. Non era profesor, nin xornalista de profesión, e foi, anos e anos, labrador dos que sachan e sementan os modestos campos familiares. Mozo novo, xa na cidade, en Vigo, axudou a súa nai, Sofía, nunha tenda de ultramarinos; desempeñaría, logo, outros labores, sempre do universo dos oficios, non das profesións. Porque Antonio non tiña más que estudos primarios, que recordaba decote con gratitude.
Neles descubriu que existían as Letras e, tamén, as Ciencias, fontes de inquedanzas para aquel rapaz que, despois da cava, da bima ou da roza, ademais de facerse preguntas sobre a natureza das cousas, escribía versos sobre elas, ás veces na lingua dos libros escolares, e outras, no falar da xente, da súa xente. Xa era un fistor (poeta popular), un fistor enxebre e con notable talento poético.
En Vigo, con 19 ou 20 anos, descobre os periódicos e o engado das librerías. O fistor, que segue a ser autodidacta, está a facer carreira literaria en verso e en prosa. E foi en Vigo, o 30 de decembro de 1951, cando asistiu, por primeira vez, a un acto de alta cultura: o ingreso, na Real Academia Galega, do arquitecto Manuel Gómez Román. No acto, que se celebrou no Casino de Vigo, houbo unha anomalía, non moi anómala daquela: don Manuel non falou en galego nin don Ramón Otero Pedrayo, que escribira en lingua galega a súa resposta académica.
Só anos despois soubo, na nosa tertulia do café Goya, que o gobernador civil, José Solís, prohibira, telefonicamente, ao presidente do casino, o uso do galego naquel acto oficial da Real Academia Galega. Cuestións políticas á parte, que mozote de 20 anos, en 1951, da aldea ou da cidade, asistía, motu proprio, a un acto cultural destas características? Só sei de Antonio Alonso Fontán, quen, anos despois, con non desdeñables lecturas e relacións literarias, seguiu sendo, na prosa dos xornais e nos seus versos amatorios ou de protesta, o fistor limpo e puro de sempre.