«Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu», 90 minutos de cine documental
Cultura

A RAG estrea a sexta e derradeira entrega da serie audiovisual dedicada a don Paco
11 May 2023. Actualizado a las 16:46 h.
A Real Academia Galega (RAG) vén de estrear o sexto e derradeiro episodio de Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu na súa web e en YouTube. Produción propia, realizada pola compañía Miramemira, reflicte a capacidade do protagonista das Letras de non deixarse vencer polas adversidades, ese compromiso de traballar a prol do país de quen foi figura central da Galicia do século XX, lembra a propia RAG. Con esta entrega, complétanse 90 minutos de cine documental sobre a vida e o legado dun home quizais ata o momento coñecido sobre todo como editor, pero que foi moito máis. A serie, con guión de Belén Rivero e dirección de Damián Varela, amosa os diversos perfís e percorre a súa vida dende o nacemento en 1913 ata o pasamento no 2010.
Del Riego, anota a RAG, foi un brillante líder estudantil na Compostela dos trinta, na que defendeu de maneira rotunda a galeguización da universidade e foi membro do Seminario de Estudos Galegos. Malia a súa mocidade, naqueles anos gañou o respecto das grandes figuras do Partido Galeguista, dende Ánxel Casal a Alexandre Bóveda. A guerra truncou unha prometedora carreira como profesor de Dereito e viuse na obriga de acudir á chamada do exército sublevado para salvar a vida. «Fun sinalado para ser paseado», relataba el mesmo nunha das entrevistas que integran o fondo documental da serie.
Tras a guerra e xa instalado en Vigo, don Paco converteuse en piar da resistencia cultural do galeguismo, impulsando numerosas iniciativas que procuraron a recuperación da lingua e a identidade de Galicia en tempos escuros. Pasados os 80 anos, presidiu a RAG entre 1997 e o 2001. «Ninguén apostaba que fixese ningún cambio pola súa idade, e foi o Xoán XXIII da RAG —sinala a biógrafa Malores Villanueva, unha das voces do filme—. Promoveu a dixitalización de fondos, a revisión dos estatutos e unha chea de modificacións internas, entre elas a limitación dos mandatos da presidencia, que ata daquela eran vitalicios», subliña.