Breve escolma de Rimbaud en galego nos 150 anos da publicación de «Unha temporada no inferno»
Cultura
Chan da Pólvora publica poemas do autor francés na tradución de Antón Lopo
18 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.
A fugacidade da súa carreira artística non impediu que a luz da súa poesía brille cegadora 150 anos despois, que é o tempo que pasou desde a publicación da primeira edición de Unha temporada no inferno (1873), a obra maior de Arthur Rimbaud (Francia; Charleville, 1854-Marsella, 1891). Aproveitando esta feliz conmemoración, o poeta, editor, escritor e tradutor Antón Lopo trouxo ao galego unha pequena escolma do devandito poemario —do que extrae os tres primeiros textos—, ademais dunha peza de Iluminacións e «dúas composicións adolescentes, parnasianas no envoltorio pero perturbadoras no resultado». Publicado no selo que dirixe o propio Lopo, Chan da Pólvora, na súa colección Rabo de Egua —dedicada á literatura LGTBI+—, Rimbaud. Seis Poemas de inferno e adolescencia, di Lopo, quere ser unha homenaxe a un creador que «cambiou a forma de ser poeta» e fixo entrar a poesía na modernidade. Por iso elixiu eses tres textos no que, «alén da cuestión formal, o poeta represéntase a si mesmo con arestas provocadoras. Sitúase fóra da torre de marfil e encérrase nun celeiro. Postula o abandono do Antigo Réxime e o abrazo dunha caste de instinto salvaxe». Á peza que figura como introdución de Unha temporada... súmalle a segunda, Sangue ruín —na que reproba o pasado da súa patria francesa—, e Noite de inferno —na que describe a súa morte—. Rimbaud, detalla o tradutor, constrúe este marco temático «sobre unha sintaxe violenta, con comparacións agresivas e xustaposicións ríspetas».
Unha temporada no inferno, lembra Lopo, acolle «os primeiros indicios da literatura autorreferencial» para erguer «unha cinta anticipatoria do que será a vida futura do autor: abandonará o continente, volverá bronceado polo sol dos trópicos e será rico; cumpriría os obxectivos pero nun sentido máis tráxico do que prevía en 1873 [nunca imaxinou que a eternidade estaba nos seus poemas e non nos seus extravagantes negocios coloniais].