La Voz de Galicia

Ramón Villares: «A irmandade cultural con Portugal pode conducir a máis colaboración»

Cultura

x. f. redacción / la voz historiador
O historiador Ramón Villares.

O seu novo libro é un diálogo coa historia do país veciño cunha mirada posta no futuro

25 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A viñeta Na veira do Miño de Castelao presenta a un cativo e un vello con Portugal como pano de fondo. Vai acompañada dunha pregunta: «E os da banda d'alá son máis estranxeiros que os de Madrí? (Non se soubo o que lle respondeu o vello)».

A ilustración abre o novo libro de Ramón Villares (Xermade, 1951), Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira (Galaxia) —publicado antes en portugués—, un diálogo co país veciño que examina unha historia con moitos puntos compartidos —mais tamén as súas asimetrías— para que esa irmandade cultural, ese territorio común, poida transformarse en parcería, nunha colaboración cun maior grao de intensidade. Algo que tamén pensaría o propio Castelao. «Digamos que vendo a súa evolución posterior, coa súa idea dunha república ibérica e a loita contra o franquismo, a resposta que daría o vello sería que non», argumenta o historiador, que cita á Xeración Nós e ás Irmandades da Fala como pezas clave nese achegamento á outra beira dun Miño convertido en fronteira no século XII, pero fronteira permeable.

—É aí, coa creación do reino de Portugal, cando se esgaza a Gallaecia e esa historia común sigue camiños distintos.

—A tese principal do libro é que estas cousas non é que se decidiran para sempre, pero que o do século XII foi fundamental. Niso apóiome máis na percepción diso de Murguía, que tiña unha percepción bastante clara do que fora Xelmírez e do que era unha monarquía, un reino, como institucións substantivas. No século XII tómanse dúas rutas diferentes, unha ruta máis cultural, máis baseada no poder eclesiástico, máis conectada coa Europa dos francos, que representaría Xelmírez, e unha ruta máis política, máis baseada na idea dun reino e dun rei, que foi Afonso Henriques. Na súa propia vida case chegou aos Algarves e construíu non só a monarquía, senón o territorio portugués case como o coñecemos hoxe. O resultado foi que a Gallaecia Magna, a dos suevos e posterior, quedou escindida. Para a Gallaecia do norte foi, a longo prazo, bastante brutal, porque quedou excéntrica, incrustada nun reino que estaba lonxe, non tivo ocasión de facer a guerra, non tivo un imperio, como tiveron os portugueses, en fin, todas estas cousas que decidiron o pasado.

—Unha mostra clara da asimetría foi a da lingua: o portugués pasou a ser a lingua dun estado, mentres que o galego, sen referentes institucionais, quedou en mans das clases populares, quen, como di vostede, conservaron o tesouro sen ser conscientes do seu papel.

—Si, foi un triunfo. Eu creo que é un milagre a permanencia do galego tal e como hoxe o temos foi un milagre, porque foi recollido dende os románticos para aquí da fala popular, pero a esa fala non se lle prestou atención nin apoio institucional durante séculos. Pero perviveu porque había unha comunidade moi articulada que o percibía como seu. E sobre iso se fixo a reconstrución na época contemporánea. Tampouco o portugués é un portugués que saíu das terras de Galicia. Foi evoluíndo, tivo moita influencia durante séculos do castelán, logo despois do francés, con moito léxico, pero claro, tivo un Estado ou, mellor dito, un reino; o Estado foi máis tarde. Un reino e unha elite política que o asumeu como unha lingua que acabou por ser nacional. Cando se unifica e se lle dá ese perfil de lingua nacional é despois de 1910 coa república.

—O Miño pasou a ser fronteira, pero moi permeable, sobre todo nun nivel popular...

—Corren bastantes ideas, que non digo que sexan inexactas, pero no fondo son bastante equívocas. Por exemplo, dise con moita frecuencia que Portugal é o país coa fronteira máis antiga de Europa. Si, tomado no sentido literal pode admitirse. Pero esas fronteiras non eran como as que se fixeron no século XX, en Europa polo menos. Son fronteiras permeábeis e popularmente non son tal. E hoxe, o que estamos asistindo é a unha inversión dese proceso, a unha desfronteirización, que o provocou sobre todo o ingreso conxunto na Unión Europea e a política de construción dunha eurorrexión, que foi unha das primeiras e das máis importantes e ten máis taxa de éxito. Hoxe temos outros desafíos que acometer e non como hai cen anos de defender as fronteiras. Imaxina que a ponte de Tui, xa que está na portada do libro, cando se construíu, os portugueses colocaron uns ocos por se era necesario en caso de invasión botala abaixo. Hoxe non hai ningunha posibilidade de que iso aconteza por ningunha das dúas partes. Son cousas que felizmente superamos.

—Proba desa permeabilidade é a relación moi cotiá entre Tui e Valença, por exemplo, onde hai xente que fala da ponte internacional coma se fose unha rúa máis.

—É que esas pontes e ríos unen, non separan. Antes eran unha especie de funiles, había que pasar con moita documentación, vixiancia, a ver que levabas ou non. Isto é un cambio substancial. Pero non só en Tui, senón en Vilanova da Cerveira con Goián, Salvaterra con Monçao e noutros lugares.

—Antes falou de desafíos. Cales son, na súa opinión?

—Creo que hai dous. Un é amortecer na medida do posible o peso que teñen os estados nación sobre calquera idea que supoña un cambio do poder territorial, porque tanto Madrid como Lisboa están moi atentos ao que pode pasar en calquera destes supostos. O segundo é ter unha estrutura institucional que no caso do galego é a autonomía e no caso do portugués a rexión norte pero non é equiparable ao que é a autonomía galega. Estanse dando pasos nesta dirección. Non podemos soñar aínda que teñamos un reino suevo redivivo, unha Gallaecia Magna, que todo o que hoxe adiantamos no sentido de crear esta irmandade cultural, estas relacións constantes, poida conducir a unha parcería, a transformarse nunha cooperación cada vez máis intensa. E logo a vida fará o resto. Non é necesario facer un decreto. As sociedades van ir acompañando isto. Hai profesores galegos nas universidades portuguesas, hai moitos médicos que están alí, empresarios que teñen parte das súas fábricas en Portugal e á inversa, e así é como se fai, se crea un territorio. Un territorio necesita un certo respaldo institucional, porque se non está desvalido, e ese respaldo a propia, as relacións que hai entre a Xunta de Galicia e a rexión norte son bastante boas, xa o foron dende o principio, e é un bo punto de partida.

«Hai que avanzar para ter máis proxectos comúns»

Para Villares, a desfronteirización propiciada polo ingreso na UE está dando como resultado a creación de facto dunha unha «eurorrexión un pouco informal, sen ter un tratamento institucional propio, nin sei se o terá algún día. Eu avogo porque si, pero iso xa é outra cousa. Isto nos axuda a entender mellor as relacións con Portugal, que sempre están un pouco conturbadas, hai suspicacias, problemas, que se linguas, que se ortografías, modos de ser, se nos entendemos ou non. E creo que esa desfronteirización axudou a superar isto».

—E trae consigo máis vantaxes.

—Para Galicia, para o norte de Portugal unha das máis importantes sería o tratamento do territorio non uniforme, senón coordenado. Portugal deu uns pasos importantes no trazado do AVE Lisboa-Porto e de Porto á fronteira. É unha achega sensacional para entender dun modo non concéntrico, senón radial, plural, non dependente dun único centro Madrid-Lisboa. Dito isto, tamén haberá que avanzar nos ámbitos da lexislación, no tratamento fiscal e na cultura. E igual que non é o mesmo o Portugal do Alentejo ou do Algarve que o do norte, creo que eles están vendo un pouco máis matizadamente o que é Galicia, que xa está deixando de ser unha parte máis de España para ter un perfil propio. Isto non significa crear ningún tipo de novas fronteiras ou separatismos, significa a vontade de crear parcerías, colaboración. Non me dedico á planificación económica, pero como historiador penso que hai que traballar para que esta eurorrexión ou zona xeográfica, esta especie de nación atlántica, digamos que imaxinada, teña un pouco de alma, un pouco de sentido de tradición cultural e lingüística.

—Usa moito o termo parcerías para referirse a esa colaboración.

— Si, porque o que non podemos é pensar en termos antigos. Trátase de traballar sobre o que somos, recoñecer o que somos e avanzar por ter máis proxectos comúns, máis parcerías.


Comentar