La Voz de Galicia

Paula Carballeira: «A marabilla do maxisterio é a de crear espírito crítico»

Cultura

x. f. redacción / la voz premio nacional de literatura dramática 2023
Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.

A escritora e actriz faise co Premio Nacional de Literatura Dramática coa obra «As alumnas»

02 Sep 2023. Actualizado a las 13:13 h.

A escritora e actriz Paula Carballeira (Fene, 1972), especialista en narración oral, tiña este venres á noite unha cita no concello de Guadalaxara Yunquera de Henares: no Palacio de los Mendoza ía ofrecer unha sesión de contos. Unhas horas antes recibiu a chamada ministerial que lle comunicaba que a súa obra As alumnas (Galaxia) fora distinguida co Premio Nacional de Literatura Dramática. «Levei unha sorpresa, unha alegría, unha emoción enormes», confesa. «Non sei moi ben como sairá», engadiu, entre risas, en referencia ao seu compromiso no escenario. A preza premiada ten como protagonistas a Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas da mestra e pedagoga María Barbeito, que se atopan de novo co gallo da morte da súa antiga mestra.

—Como naceu «As alumnas»?

—A obra xurde porque unha compañía, Culturactiva, me pediu unha peza que falase da muller e da época franquista. Eu, por circunstancias dese momento, empecei a pensar no importante que era a educación, e comecei a investigar. Coñecía de nome a María Barbeito, pero faltábame saber todo o que fixera no contexto no que se insería: a Segunda República, os avances educativos que se intentaron poñer en marcha daquela, sobre todo no relacionado coas mulleres. A partir de aí, desa documentación, pero sen perder a perspectiva de que era unha obra de teatro, que tiña que ter unha compoñente lúdico, xa que en escena é fundamental xogar coas palabras, coas situacións, pensei claramente en dous personaxes. Non antagónicos, porque pensei que sería bonito ter dúas alumnas amigas, que na vida tomaron diferentes camiños aínda que non antagónicos, porque son alumnas de María Barbeito. Unha sigue, con todas as dificultades, o camiño da mestra, mentres que á outra a vida lévaa por outros lugares. Iso permítenos abrir a visión aos distintos camiños de determinadas mulleres nesa época.

—O foco está posto nelas...

—Igual que se deixamos de contar contos, se non hai transmisión, eses contos desaparecen, na educación é o mesmo. As alumnas teñen non só esa responsabilidade de transmisión, senón de transformación. Si que me parecía axeitado poñer o foco niso. Neste caso, son dúas alumnas inventadas, teñen a compoñente da ficción, que considero que é moi importante e dá liberdade para a escrita. Se te baseas en personaxes reais está aí a súa biografía, sempre hai a ficción queda máis restrinxida. Crear estas personaxes permitíame falar do que eu quixese da forma que eu quixese, encarnar determinado tipo de camiños en Elvira e Rosa.

—O xurado destacou da obra premiada que é un eloxio do maxisterio que fomenta a dúbida e persegue o debate.

—Efectivamente, si. Creo que a marabilla do maxisterio é a de crear espírito crítico. Dar as ferramentas para que as persoas poidamos defendernos, poidamos cuestionar, poidamos dubidar, ter curiosidade. Se cho dan todo feito, se impiden que ti tomes as rendas da túa opinión, estamos nunha vía moi dirixida. Pero creo que o maxisterio ten que abrir camiños e non pechalos.

—Dicía Nuccio Ordine que a autoridade había que conquistala, que non se concede automaticamente.

—Efectivamente. Creo que a gran responsabilidade do mestre é que ti sabes máis cousas que a xente que tes ao redor. Entón, o bonito é esa transmisión de saber, que implique que as persoas queiran seguir avanzando no seu camiño, non cortarllo. Cantas veces as alumnas acaban, non superando, que é unha palabra que non me gusta, senón ampliando os coñecementos que recibiron e levándoos por outros lados. Non existiría unha persoa salientable se non tivese unha boa mestra ou mestre.

—Tamén se destaca da súa peza ese compromiso cun ensino igualitario, entre clases sociais e entre mulleres e homes, no contexto da Segunda República.

—Un mal endémico, e non só na nosa sociedade, é o esquecemento. Moitas veces esquecemos todo o que se foi gañando, e tamén todo o que se foi perdendo. Na educación igualitaria, se pensas na Barbeito, ou en xente coma ela, o que dicían daquela de clases sociais, de apertura de oportunidades para mulleres. Había unha amplitude de coñecemento que logo se veu cortado por unha guerra, non hai que esquecelo, todo o que se perdeu aí e que tardamos en recuperar. Hai cousas que damos por feito, que de súpeto se perden, e logo recuperalas, recuperar dereitos, é complicado.

«Espero que o galardón axude a que a obra e a escrita de Galicia se coñezan fóra»

Paula Carballeira ten ás súas costas unha longa traxectoria na escrita e das artes escénicas en Galicia, eidos nos que se desenvolve profesionalmente dende 1994. É autora de máis de dúas ducias de libros, entre títulos de literatura infantil e xuvenil e mais teatrais. As alumnas xa fora distinguido, na última edición dos premios Follas Novas, como o mellor texto teatral. Agora suma o Premio Nacional de Literatura Dramática, dotado con 30.000 euros e que convoca o Ministerio de Cultura e Deporte. Carballeira, que xa tivera outros premios como o Manuel María e recoñecementos de certames como o Fiot de Carballo ou a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, fai parte con este galardón dos autores galegos que tamén acadaron o Premio Nacional de textos teatrais, Manuel Lourenzo en 1997 e Rubén Ruibal no 2007.

—Que repercusións espera deste premio?

—O primeiro no que penso é que así se coñece a obra fóra de Galicia, porque ti ben sabes que escribir en galego, como primeira lingua, ten as súas limitacións para que cheguen as obras fóra. O que espero é que se coñeza, que se escoite falar da obra fóra de Galicia, e non só da obra, senón que, dalgunha maneira, que se saiba que aquí neste recunchiño hai xente escribindo cousas. Porque, se non, parece que non existimos. Eu só espero iso, unha chamada de atención sobre a literatura dramática en Galicia, sobre a escrita en Galicia.


Comentar