La Voz de Galicia

Un curso da RAG afonda na figura de Del Riego como arquitecto do galeguismo

Cultura

La Voz Redacción / La Voz
A sala encheuse para escoitar as primeiras achegas do curso sobre Del Riego que acolle estes días Lourenzá.A sala encheuse para escoitar as primeiras achegas do curso sobre Del Riego que acolle estes días Lourenzá.

Víctor F. Freixanes e Malores Villanueva abriron o encontro no que participarán case vinte especialistas

05 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega inaugurou o curso de verán Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, en cuxas sesións afondan nas diferentes facianas do intelectual ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, facianas diversas que conflúen nunha perspectiva aglutinadora como arquitecto do galeguismo. Esta foi a tese que defendeu na sesión inaugural, celebrada en Vilanova de Lourenzá, lugar de nacenza do escritor, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. «Na posguerra, Del Riego pilotou dende a retagarda o proceso de renovación da institución a prol da incorporación de persoeiros comprometidos coa lingua e co pensamento galeguista, esmorecido despois da contenda», explicou. Unha idea que confirmou a súa biógrafa, Malores Villanueva: «Foi un arquitecto do galeguismo tremendamente activo».

O curso de verán sobre a figura homenaxeada no 17 de maio reunirá a preto de vinte especialistas que achegarán novas olladas sobre a vida, a obra e o legado de Fernández del Riego. O seu papel na propia institución académica tamén foi debullado onte por Freixanes, quen se referiu a como a propia celebración do Día das Letras foi unha das súas accións prol de Galicia e a súa lingua. «Dende o primeiro momento, a celebración tivo un eco importante na prensa. Mais hoxe o Día das Letras Galegas é un acontecemento cultural de primeiro nivel. Poucas iniciativas hai de tanta transcendencia social coma o Día das Letras Galegas», defendeu Freixanes. 

Compromiso

Villanueva referiuse a como o compromiso galeguista e antifranquista non só levou a Del Riego á cadea ata en dúas ocasións, en 1947 e 1954, senón que tivo outra consecuencia, a de ter que sacrificar en boa medida a súa ilusión de ser escritor. A relatora falou dun documento inédito, o orixinal dunha novela que Del Riego presentou, sen éxito, ao premio de narrativa do Centro Galego de Bos Aires. «Este texto é no 75 % O cego de Pumardedón (1992), a novela que publicou case cincuenta anos despois. Naquel momento, en plena posguerra, aquí non se podería publicar porque fala da guerra civil», concluíu.


Comentar