Dorothé Schubarth
Cultura
12 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Morreu Dorothé Schubarth aos 79 anos en Basilea, cidade suíza que a viu nacer. Lugar situado no corazón de Europa onde distintas culturas conflúen, conviven, e onde falar diferentes linguas representa riqueza e progreso. Esta musicóloga e compositora chegou a Galicia de vacacións (ou iso se di) en 1978, para coñecer a nosa música tradicional como tamén o fixo noutros puntos de Europa. Naquel tempo, a tradición oral galega estaba absolutamente viva, como en poucos lugares do continente. Seguro que levou unha gran sorpresa ao atopar as posibilidades que había de escudriñar na nosa tradición. Empregou técnicas de compilación novidosas e clasificou as recolleitas seguindo uns parámetros que serviron como pautas que moitos dos estudosos na materia aínda seguen a usar hoxe.
O seu traballo prolongouse durante cinco anos e foi patrocinado pola Fundación Barrié, converténdose nunha auténtica xoia musical da nosa cultura como tamén o son o cancioneiro de Casto Sampedro y Folgar ou o de Jesús Bal y Gay, entre outros. O traballo realizado por Dorothé Schubarth non tería recoñecemento nin o sentido final se non fose polo lingüista e catedrático de filoloxía románica da Universidade de Santiago e membro da Real Academia Galega Antón Santamarina, que foi quen a acompañou na compilación, transcrición de textos e clasificación de todo material. Froito de este traballo a fundación publicou o Cancioneiro Popular Galego clasificado en sete volumes.
Posteriormente todo o material recollido doouse ao Consello da Cultura Galega quedando no Arquivo Sonoro de Galicia para uso público. O por que veu Dorothé Schubarth á nosa terra en vez de a calquera outro lugar eu non o sei nin o vin referenciado en ningún texto, mais o seu prolongado paso pola nosa terra lémbrame aquel outro máis efémero dado nos anos 50 polo etnomusicólogo americano Alan Lomax. El realizou tamén un importante traballo sobre a música de Galicia que penso que a propia Dorothé coñecía perfectamente. O seu pasamento é unha grande perda. E non teño claro que en vida tivese todo o recoñecemento que debera. Unha vez máis como case sempre. Das ist Galizien.