A actriz Luisa Merelas, premio Fundación Aisge no 28.º OUFF
Cultura
Intérprete de teatro, cinema, televisión e dobraxe, leva corenta anos de profesión ás costas
22 Sep 2023. Actualizado a las 05:00 h.
A actriz de teatro, cinema, televisión e dobraxe Luisa Merelas recibirá o premio da Fundación Aisge no 28.º Ourense Film Festival (OUFF), que lle entregará o galardón na gala inaugural do certame, o 29 de setembro. Na última década Merelas (A Coruña, 1958) encarnou na ficción a mulleres de gran dureza, inesquecibles para a audiencia, enxalza a organización da cita ourensá. Entre elas, a matriarca dona Carme Matalobos da serie de Voz Audiovisual Matalobos, a Amalia da familia Charlín en Fariña ou, na gran pantalla, a nai Anta da multipremiada As bestas, de Rodrigo Sorogoyen. Licenciada en Arte Dramático polo Institut del Teatre de Barcelona, Merelas, unha das actrices máis queridas polo público galego, galardoada nos María Casares en dúas ocasións, leva corenta anos de profesión ás costas; os seus colegas falan de «naturalidade e realidade» cando describen o que ela transmite nos seus traballos.
Andaba xa aos quince anos Luisa Merelas metida no teatro amateur, e, con dezaoito, cobrou o seu primeiro salario como actriz. Medrou á beira doutro grande da interpretación galega, o dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, de quen era amiga desde a escola primaria e quen escribiu un monólogo para retela no incipiente teatro profesional galego. «Con ese monólogo iamos representando polas aldeas, unha compañeira, que era a técnica, máis eu, unha furgoneta e catro bártulos», lembraba nunha entrevista a actriz que viviu o xermolo do circuíto teatral profesional en Galicia no comezo dos setenta.
A Fundación Aisge é unha entidade sen ánimo de lucro que xestiona en España os dereitos de propiedade intelectual dos actores, dobradores, bailaríns e directores de escena.