La Voz de Galicia

Kathleen March entra na Academia Galega como membro de honra

Cultura

Jorge Lamas

A filóloga fundou unha sociedade de estudos galegos en Estados Unido

23 Sep 2023. Actualizado a las 22:36 h.

A filóloga norteamericana, autora de traducións e estudos esenciais para a proxección internacional da cultura galega e fundadora da Galician Studies Association, Kathleen March xa é membro de honra da Real Academia Galega. O acto de acceso desta galega por elección tivo en Mondariz-Balneario, lugar elixido porque foi aí, hai un século, onde tamén foi incorporado a Academia Ramón Cabanillas.

A nova académica resumiu o seu discurso de ingreso, titulado Máis alá do manifesto en referencia ao Máis alá de Manuel Antonio, e recitou as súas traducións ao inglés de poemas de autores e autoras galegos de distintos tempos. A catedrática emérita da Universidade de Maine identificou a promoción da tradución como requisito indispensable para espallar as letras galegas no escenario global, pero advertiu que iso non debe cinguirse exclusivamente ao libro en papel nin limitar outros camiños. «Os novos formatos non deben darnos medo ou parecernos inferiores», afirmou na súa defensa das novas tecnoloxías aplicadas a edición bibliográfica.

«A complexidade da tradución, que é parte da internacionalización da cultura galega, sairía gañando cunha directiva e entidade que se achegase ao tema da comunicación transmediatizada nos nosos días. Un organismo dedicado ao libro, á internacionalización das publicacións en galego, sería realmente ideal», apuntou Kathleen March.

A nova académica de honra reivindicouse como parte da comunidade neofalante e defendeu esta condición como outra mostra da capacidade do galego de se proxectar mundialmente, e tamén como inspiración para o seu pobo. «Somos espello para que as persoas galegofalantes vexades o que outras persoas adoitamos chamar tesouro», afirmou, ao tempo que recordou á escritora norteamericana Anne Marie Morris, que escolleu o galego para debutar como poeta en 1965 con Voz fuxitiva.

Contestou Rosario Álvarez

Kathleen March rematou o seu discurso de entrada na Academia cun diagnóstico esperanzador sobre o presente e o futuro das letras galegas. «De case non respirar co peso dun status periférico, o campo literario galego xa vai imparábel cara á internacionalización e irá máis alá aínda», expresou a filóloga e tradutora.

A académica Rosario Álvarez deulle a resposta ao discurso de entrada e subliñou o papel de March no cambio da percepción de obras importantes da literatura galega. «Kathleen March, coa súa ollada experta non sometida ao peso constrinxente da tradición, ensinounos a ler a Rosalía dun xeito diferente», dixo a académica.

«Traducir non é só un acto lingüístico, é tamén un acto intercultural que favorece as relacións internacionais porque comunica os valores de cada cultura e lingua nas que xorde unha obra. Crea aperturas e oportunidades en lugar de seguir unha literatura nacional na autocontemplación, que podería ser narcisista. O novo público vai ofrecer novas interpretacións, facer novas preguntas, esixir aclaracións», engadiu Rosario Álvarez.

A académica aproveitou a súa intervención para lembrar que o teatro galego non foi moi traducido agás ao castelán, pero ela considera que pode constituír unha forma de expresión fantástica para proxectar no exterior a cultura galega.

Tras o cerimonia de entrada na Real Academia Galega, que se desenvolveu no salón Infanta Isabel do Gran Hotel, tivo lugar un concerto de Amancio Prada, coa participación da Coral da Ruada e Coro Agarimos da Terra.

 

Unha vida a prol da internacionalización da cultura galega

Kathleen Nora March (Estados Unidos, 1949) é unha das principais estudosas das letras galegas no ámbito angloamericano. Catedrática emérita de Español na University of Maine e directora do Centro de Estudos Galegos de dita universidade, foi a primeira presidenta da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos) e traduciu obras do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións que contribuíron de forma notable á proxección internacional da literatura galega.

Por todas estas achegas recibiu o Premio Cultura Galega de Proxección Exterior no ano 2015 e foi elixida membro de honra da Real Academia Galega no ano 2022.

A nova académica de honra doutorouse en 1979 cunha tese sobre o prosista peruano José María Arguedas e, case ao mesmo tempo, durante as súas primeiras estadías en Galicia na segunda metade dos anos 70, comezou a mergullarse na literatura galega contemporánea, campo que co tempo pasou a ocupar un espazo central na súa produción investigadora, caracterizada sempre por un prisma innovador.

O primeiro autor que atraeu a súa atención foi Manoel Antonio, pero merece unha mención especial o seu descubrimento de Rosalía de Castro, creadora que axudou a ler, a partir dos anos 80, cunha ollada afastada do tópico rexionalista poñendo o foco na súa modernidade e perspectiva de xénero pioneira.

Verteu ao inglés numerosas obras galegas e ademais promoveu iniciativas que facilitaron o traballo colectivo a prol da cultura galega. En 1985 fundou a Galician Studies Association, precursora da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxecto de impulsar a investigación no eido das letras galegas dende a academia norteamericana e foi inspiradora e coordinadora científica do proxecto Seara, plataforma bilingüe para a literatura galega.


Comentar