La Voz de Galicia

O deseño galego indaga en Portugal sobre de onde vén, quen é e onde vai

Cultura

Brais Suárez Porto / E. La Voz
Aspecto dunha das tres salas da Galería Municipal de Matosinhos que acollen a mostra «Galicia, procesos e formas».

Galicia protagoniza como convidada a terceira edición da Porto Design Biennale

27 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Algo moi familiar espállase por cada recuncho das tres salas e a través dos obxectos máis dispares. Tanto que custa entender que fan expostos nesta Galería Municipal de Matosinhos e decatarse de que o nexo que os une é a súa orixe galega. A contraportada do disco Vigo Capital Lisboa (1984), dos Resentidos, é un bo inicio. Esta imaxe coas bandeiras superpostas de Galicia e Portugal anticipa que esta exposición, Galicia, procesos e formas (organizada co apoio da Axencia Galega de Innovación, a Fundación Artesanía de Galicia e a Fundación Didac), non dá puntada sen fío.

«Aquí recollemos obxectos que contan historias», di o comisario da mostra, David Barro, que tamén rescata do punk galego dos oitenta tres cuestións esenciais: «Quen somos, de onde vimos e onde imos?». É unha pregunta cun aire transcendental, que se rebaixa coa ironía de Siniestro Total e o seu disco Menos mal que nos queda Portugal.

Soan a clixé, si, pero diso se trata. De recompoñer os elementos que acabaron configurando a identidade visual de Galicia. «É preciso reinventar Galicia unha e outra vez, tendo en conta as súas raíces, formas e recursos», incide o comisario, que aproveitou a distribución das tres salas para responder as tres preguntas.

Na primeira, as «formas inéditas» recollen o carácter diferencial que arraigou mercé ao deseño. «De onde vimos?» era unha cuestión máis pertinente nos anos vinte, «cando aínda había que construír unha nova identidade [...]. Era difícil falar de Galicia e, se algo mantivo viva a cultura e o deseño, foi a súa conexión cos oficios, as tradicións e a artesanía...», argumenta.

O percorrido oscila sempre entre a intelectualidade, con históricas revistas como Nós, Ronsel ou Proel, e o popular, como os sanandresiños, para sintetizarse e atinxir unha maior escala mediante a actividade empresarial. Conecta isto co motivo central desta bienal, a auga, xa que foi eminentemente a industria marítima a que deu un pulo internacional ao deseño galego.

Unha visitante contempla os pictogramas olímpicos de Álvaro Valiño.B. S.

Aí xorden Sargadelos e Galaxia coma grandes herdeiros e transmisores da iconografía e a tipografía, que os intelectuais Vicente Risco ou Castelao trazaran nese intre chave, cos motivos celtas, a vieira ou a cruz como iconas.

Reflíctese tamén a pegada de La Voz de Galicia no eido do deseño, con exemplos moi recentes, como a edición de Claves líricas, de Valle-Inclán, unha colección literaria cuxo deseño correu a cargo de Manuela Mariño, ou a revisión do logotipo desta casa, tamén obra de Mariño.

A mediados de século, figuras como Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo propuxéronse que Galicia enriquecese o mundo: «Coa nosa distinción», enxalza Barro. O comisario fala do deseño como unha reconstrución da realidade e rexistra os nexos galegos con Portugal, dado o pasado, a cultura e a paisaxe atlántica en común

E aí, no mar e na auga, se sitúan tamén as liñas de futuro. Tras unha segunda parte que amosa a apertura democrática e a profesionalización do deseño, a derradeira sección ofrece casos de éxito que exploran os recursos de Galicia como territorio atlántico e sostible. Equilibrio entre pasado e futuro, entre o líquido e o sólido, entre o oriúndo e o exótico, que se concentra na obra In itinere, de Verónica Moar, na fin do percorrido.

O cheiro da chuvia, eixo central do festival luso

Poderíase tomar por unha ironía. A chuvia, que dá nome á terceira edición da Porto Design Biennale, foi tamén o motivo polo que a organización decidiu adiar até o pasado martes o comezo do festival (planificado para o día 19) que leva exposicións, obradoiros e performances ás cidades veciñas de Porto e Matosinhos. En concreto, o nome escollido é Petrichor, que designa o cheiro da chuvia ao bater na terra seca. Unha imaxe lírica e moi distinta dos trebóns que a pasada fin de semana alagaron as rúas do Porto.

O profesor e deseñador Fernando Brízio, comisario da mostra principal deste ano, elixiu a auga coma canle condutora para todo o ambicioso programa da bienal. «Quería atopar un tema ou uns enfoques que foran moi amplos —di nunha visita guiada para a prensa—, e a idea da auga permite abranguer calquera asunto, é algo omnipresente», insiste. E iso queda claro en canto o espectador se mergulla na Casa do Design de Matosinhos, que acolle centos de obxectos e proxeccións vinculados á auga dende as máis distintas perspectivas. Dende un dos máis sofisticados robots de exploración subacuática até vídeos cos rituais de purificación no mar que se levan a cabo anualmente en São Bartolomeu do Mar, no municipio de Esposende.

 

Alén da disciplina

«A concepción do deseño aquí é algo que vai alén da disciplina; é o deseño coma unha característica humana que nos permite concibir», di Brízio. «Os deseñadores deseñan, sobre todo, unha interface, algo entre dúas cousas».

Un dos puntos máis interesantes xira en torno ao sabor da auga, cunha mostra de terras e augas do río Douro embotelladas que causan un efecto artístico.

O programa, de seis semanas de duración entre as cidades de Porto e Matosinhos, está composto por cinco exposicións principais e outras sete complementarias, obradoiros, conferencias e performances que afondarán na nosa concepción e relación coa auga, nunha época na que a súa forza e a súa escaseza preocupan máis que nunca. Será o punto de partida para reflexionar e amosar distintas tendencias actuais do deseño coma disciplina.


Comentar