Bieito Ledo: «Os galardóns que levamos dados fan unha radiografía do país»
Cultura
Os Premios da Crítica de Galicia homenaxean este sábado a quen foi o seu fundador hai 45 anos
27 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Hai 45 anos, un grupo de persoas crearon dende o Círculo Ourensán-Vigués os Premios da Crítica de Galicia, que este sábado celebrarán unha nova entrega. O presidente da entidade era Bieito Ledo, entón un libreiro a quen máis tarde lle daría tempo a pasar pola dirección de Galaxia e crear Edicións Ir Indo, entre un feixe de actividades culturais máis. Durante o acto de mañá, Ledo vai ser homenaxeado como presidente fundador destes galardóns.
—Cal era o obxectivo inicial dos Premios da Crítica?
—Repensar e recrear Galicia, país moi vello que entón estaba sen facer polas súas circunstancias históricas e xeográficas. No Círculo Ourensán eramos soñadores, había moita actividade e viña moita xente sobresaínte, independentemente da súa ideoloxía. Tiñamos un sentido de compromiso global con Galicia.
—Pero mulleres había poucas.
—Ese foi un cambio significativo nestes anos. Daquela, eramos un reflexo da sociedade; das sete persoas que compoñían cada un dos cinco premios iniciais, só había dúas mulleres, María Xosé Queizán e Pilar Vázquez Cuesta, que era catedrática en Salamanca. Dúas mulleres entre os 35 membros. Hoxe hai equiparación. Foi unha gran revolución da sociedade, non por mérito noso.
—Cal foi a clave do éxito?
—Dende a organización, que foi moi diversa e pasou por altos e baixos, soubemos manter criterios para designar os xurados; a súa valía é a pluralidade ideolóxica, comarcal e xeracional. Porque este é un premio simbólico, representado por unha estatuíña de Isaac Díaz Pardo, pero a categoría vénlle do xurado, das numerosas persoas que pasaron por eles, que son máis de dúas mil. Hai xente que repetiu, o que máis, Francisco Fernández del Riego, que estivo 14 anos. Ademais, os máis de trescentos premios que levamos dados fan unha radiografía bastante próxima a como foi evolucionando o noso país. Hoxe, o ser galego non é o mesmo ca naquela época.
—Cal é o motivo que máis o enche de orgullo neste anos?
—Darlle sentido á miña vida, porque o máis importante na vida é querer e ser querido. Eu síntome moi querido por toda a xente que me fun encontrando en procesos moi diversos.
—Entón gustoulle que decidisen homenaxealo.
—Si, claro, porque é unha forma de quererme. Non é algo ficticio, xa que naceu da nova xunta directiva. Éncheme de orgullo.
—A existencia da fundación garante a continuidade dos premios?
—Si. Ademais, agora temos semente nova. O presidente é Manolo Bragado, e hai moita xente na xunta directiva que anda nos 40 anos. Así que dentro doutros 45 anos seguirán existindo e estaremos celebrando os noventa anos.
—Cambiou moito o panorama cultural nestes anos?
—As novas tecnoloxías fan que as novas xeracións estean moi informadas, pero perderon a curiosidade e a utopía. A mocidade vai a internet coma se fose á auga do mar; iso é información, pero non é coñecemento. Para chegar a el, ten que haber un proceso de asimilación e esforzo. Agora, ese esforzo está desaparecendo, e con iso desaparece a ilusión e a utopía.
—Dentro da cultura hai xente que está na creación e tamén a hai na xestión e no traballo cotián, como era o caso de Fernández del Riego. É vostede un traballador da cultura?
—Si, aínda que non son don Paco, que era un traballador único. El, ademais de ser unha persoa moi intelixente e ilustrada, era disciplinado e escrupuloso na organización do tempo. Por iso fixo tantas cousas. Eu non teño as súas calidades, nin moito menos, pero sinto que si lle dei sentido á vida. Eu non son disciplinado nin metódico, son bastante ácrata nese aspecto.