La Voz de Galicia

A banda de «garage punk» galego Terbutalina publica o seu novo disco «Era cabra»

Cultura

G. Novás Redacción / La Voz
Os membros de Terbutalina, retratados na illa da Toxa.

O grupo muradán presentará o álbum o 8 de decembro na sala santiaguesa Malatesta, que para entonces prevé estar de novo operativa

03 Nov 2023. Actualizado a las 22:28 h.

Despois de trece anos en ruta, a banda de garage punk galego Terbutalina —fundada en Muros no 2010— lanzou este xoves o seu oitavo álbum de estudio, Era cabra, que está xa dispoñible en todas as plataformas dixitais. Culminan así «un proceso catártico», din os de Esteiro, co que saen triunfal e definitivamente dunha crise e no que foron adiantando singles co obxectivo último de facer tremer o panorama. Están de volta, proclaman, e máis fortes ca nunca. Con este traballo buscan un regreso ás orixes «tras unha revisión dos principios máis esenciais, e unha etapa de coñecemento e fortalecemento interno».

O longo virá acompañado dunha edición física en formato vinilo editado por Folc Records. Composto por oito temas, detalla a banda, o disco reflicte «un período que estivo cargado de concentración, creación e regresión» e, ademais, vén con sorpresas e reencontros. Gravado e producido nos estudios composteláns A Ponte por Tomás Ageitos, e masterizado por Robin Schmidt nos estudios de Karlsruhe 24-96 Mastering, Terbutalina segue apostando por «fórmulas baseadas na confianza no talento propio, e disposta a reconquistar os pogos perdidos, as horas intempestivas e os quilómetros na estrada». Si, pogos, porque, sendo un grupo de garage punk «cañero», inclínese máis ao rock ou incorpore sons da tradición galega, aínda co seu característico poder crítico nas letras, Terbutalina sempre chama ao baile; a súa música é unha inxección de euforia que apela ao legado de referentes como The Clash, Siniestro Total e Golpes Bajos, que os sinalan como herdeiros da escena oitenteira.

Manuel Rama, Torres (baixo); Miguel Cernadas, Migui (voz e guitarra); José Ramón Núñez, Mon (guitarra); e Diego de la Iglesia, De la Church (batería) son Terbutalina e presentarán Era cabra o 8 de decembro na sala santiaguesa Malatesta, que para entonces prevé estar de novo operativa.


Comentar